Burela homenaxea a Dona Carme Iravedra na clausura do Centenario das Escolas Vellas

O Concello de Burela organiza este venres, 28 de febreiro, ás 19:00 horas, no Salón de Plenos, a presentación do artigo 'De Carmiña a Dona Carme', elaborado pola cronista oficial de Burela, Herminia Pernas Oroza, para a revista galega do ensino, Eduga. O texto recolle a traxectoria de Dona Carme Iravedra Otero, unha figura clave no desenvolvemento educativo e social da vila ao longo do século XX.
O acto contará coa presenza da alcaldesa de Burela, Carmela López; o concelleiro de Educación e tenente de alcaldesa, Mario Pillado; a autora do artigo, Herminia Pernas Oroza; a filla da homenaxeada, Águeda Barcia Iravedra; o inspector de educación e director da revista Eduga, Juan A. Granados Loureda; e Rira Gradaille Pernas, doutora en Ciencias da Educación pola USC.
Este evento servirá tamén como acto de clausura do Centenario das Escolas Vellas, unha celebración que se vén desenvolvendo nos últimos meses en Burela. Como parte da homenaxe, descubrirase un panel conmemorativo en honra das persoas que fixeron posible a creación deste centro educativo.
A alcaldesa, Carmela López, destacou que “este centenario foi unha oportunidade para recoñecer e celebrar a nosa rica herdanza educativa”. Ademais, quixo agradecer a todas as entidades e persoas participantes nos actos conmemorativos, cuxo esforzo e dedicación enriqueceron a comunidade.
Pola súa banda, o tenente de alcaldesa, Mario Pillado, subliñou que "dende as áreas de Inmigración e Educación é un orgullo clausurar este centenario cunha homenaxe ás persoas migrantes que contribuíron ao desenvolvemento das sociedades de orixe e de acollida, como foi o caso das Escolas Vellas, e tamén a unha figura fundamental no ensino en Burela durante o século XX, Dona Carme Iravedra".
Pillado tamén agradeceu a Herminia Pernas polo seu labor e polo artigo, así como ao director de Eduga por darlle visibilidade, e a Águeda Barcia por continuar o legado da súa nai.