Burela estreita lazos con Cabo Verde

AMariñaXa
O obxectivo principal da visita foi o de presentar a aplicación para móbil do Portal Consular de Cabo Verde, na que a comunidade poderá realizar todo tipo de trámites ante o consulado
Ministro-de-Cabo-Verde-burela
Visita do ministro de Cabo Verde
21 Maio 2024

O Goberno Local de Burela recibiu a visita do Ministro das Comunidades da República de Cabo Verde, Jorge Santos, na casa consistorial. Foi recibido pola alcaldesa de Burela, Carmela López, e o concelleiro de Inmigración, Mario Pillado. A continuación, o ministro visitou as instalacións portuarias do municipio, e despois participou nunha unha reunión técnica con representantes de diferentes colectivos, logo nunha presentación con toda a comunidade caboverdiana de Burela.

O obxectivo principal da visita foi o de presentar a aplicación para móbil do Portal Consular de Cabo Verde, na que a comunidade poderá realizar todo tipo de trámites ante o consulado, como os relativos ao pasaporte, dende o seu dispositivo persoal. Na reunión mantida entre o ministro e o seu equipo técnico con representantes da comunidade caboverdiana no municipio tramitáronse xa algúns pasaportes coa nova app.

Jorge Santos aproveitou a ocasión para convidar de xeito oficial ao Goberno local de Burela a visitar Cabo Verde. A alcaldesa Carmela López agradeceu o convite, “que servirá para seguir traballando na alianza entre Burela e o país africano”. Pola súa banda, o concelleiro de Inmigración e Cooperación, Mario Pillado, destacou que a creación da app é “un gran avance para toda a comunidade burelá”.

Un dos obxectivos da área de Inmigración é “lograr facilidades á hora de levar a cabo trámites burocráticos para as diferentes comunidades que viven no noso Concello, e este é un gran paso en firme nesa dirección”, explica o edil. “Ademais a visita do ministro Jorge Santos e o seu equipo serviu para estreitar os lazos de colaboración tanto co goberno de Cabo Verde coma coa embaixada en Madrid, algo que nos serve para seguir dando pasos de cara ó futuro”, concluíu.

0.18810510635376