Burela estrea unha mostra sobre a conmemoración do centenario das coñecidas como Escolas Vellas

AMariñaXa
A mostra estará dispoñible para a súa visita nun horario de 11.00 a 13.00 polas mañás e de 18.00 a 20.00 polas tardes
Luces-de-Alén-Mar-mostra-burela
23 Ago 2024

O Concello de Burela acolle a exposición Luces de Alén Mar. As Escolas de Americanos en Galicia do Consello da Cultura Galega, na sala de exposicións da Casa da Cultura ata o 10 de setembro. A mostra estará dispoñible para a súa visita nun horario de 11.00 a 13.00 polas mañás e de 18.00 a 20.00 polas tardes. Encádrase dentro da conmemoración do centenario das coñecidas como Escolas Vellas de Burela.

O Concello presentou a exposición xunto ao Consello da Cultura Galega nun acto no que interviron Rosario Álvarez Blanco, presidenta da institución, e a burelá Emilia García López, responsable de Acción Exterior da mesma. A alcaldesa Carmela López sinala que “a mostra non só nos permite afondar nas nosas raíces e recoñecer o valor da nosa diáspora, senón que tamén serve como un testemuño vivo da riqueza cultural que Galicia ten para ofrecer ao mundo”.

“É unha inspiración para todos aqueles que amamos e respectamos a nosa identidade colectiva”, destaca a rexedora, que insiste “no orgullo que supón para o Concello colaborar cunha institución do prestixio do Consello da Cultura Galega”. O tenente de alcaldesa Mario Pillado agradeceu pola súa banda “a participación de Rosario Álvarez Blanco e Emilia García López no acto, no que deron as claves da exposición e remarcaron que os proxectos das Escolas de Americanos en Galicia foron únicos en toda Europa”.

“Para nós é especialmente importante, no marco da celebración do centenario das Escolas Vellas, poñer en valor o papel da muller tanto na emigración, como na educación e na sociedade galega en xeral dende sempre”, subliñou Pillado. O concelleiro resaltou así mesmo “a importancia da contribución da emigración e das persoas migrantes tanto na orixe como no destino, dende sempre”. Nunha vila coma Burela “témolo que ter moi claro, e por iso valoramos tanto esta colaboración e esta exposición”, afirmou. “Faremos todo o posible para seguir colaborando no futuro co Conselllo da Cultura Galega e seguir acollendo actividades como esta”, concluíu o edil.

0.19034695625305