Burela entrega os premios do XI Concurso contra a Discriminación Racial

Este venres 23 de maio, ás 18:30 horas, o Salón de Plenos do Concello de Burela converterase nun espazo para a diversidade, a creatividade e o compromiso social coa celebración do acto de entrega dos premios do XI Concurso “21 de marzo: Día Internacional para a Eliminación da Discriminación Racial”.
A iniciativa, organizada pola área de Inmigración, Cooperación e Integración, consolídase como unha ferramenta educativa e de sensibilización que emprega a expresión artística para promover valores de respecto, inclusión e xustiza social. Nesta edición participaron 25 persoas en dúas categorías: de 6 a 12 anos e maiores de 18 anos.
O xurado, composto por representantes das áreas municipais de Inmigración, Cultura, Igualdade e Atención a Inmigrantes, reuniuse o pasado 5 de maio para avaliar os traballos presentados, destacando a súa calidade, mensaxe e sensibilidade artística. Ante o alto nivel xeral, acordouse outorgar tamén dous accésits adicionais ademais dos catro premios principais.
Na categoría infantil, o primeiro premio foi para Yara Diouf Duarte, co pseudónimo “Yadidu”, mentres que o segundo foi para Soelí Naína Capillo Gala, como “Iem CG”. O accésit recaeu en Leo Fraga Río, baixo o nome de “Burelao”.
Na categoría de adultos, o primeiro galardón foi para Shiva Eliska Alinda Nurhakim, que asinou como “Natasha”, mentres que o segundo premio foi para José López Losada, como “XOLO”. O accésit nesta categoría correspondeu a Estela Torres Narciso, co pseudónimo “Stella”.
O concelleiro responsable da área, Mario Pillado, puxo en valor o traballo realizado: “Este certame é unha das ferramentas máis valiosas que temos para educar na diversidade desde idades temperás”. Segundo destacou, cada proposta recibida representa “un exercicio de empatía e compromiso co futuro”. Pillado agradeceu a participación de todas as persoas implicadas e reafirmou o compromiso de Burela coa convivencia e o respecto fronte ao avance da intolerancia.