Burela e Cabo Verde estreitan lazos no ámbito pesqueiro

AMariñaXa
O concelleiro de Tarrafal, Osvaldo Chantre, visita a vila para coñecer a súa xestión e explorar novas vías de cooperación
Osvaldo-Chantre-Burela-2025
Visita do ministro de Cabo Verde
1 Apr 2025

O concelleiro de Agricultura, Gandaría e Pesca de Tarrafal, Osvaldo Chantre, visitou hoxe Burela no marco dunha viaxe organizada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. O obxectivo desta iniciativa foi coñecer de preto o funcionamento do sector pesqueiro local e explorar posibles vías de colaboración entre ambas comunidades.

Durante a súa estadía, Chantre visitou a Confraría de Pescadores de Burela, onde se interesou polo modelo de xestión aplicado na vila mariñeira. Posteriormente, foi recibido oficialmente no Concello de Burela e, xa pola tarde, percorrerá o Barco Museo Reina del Carmen e coñecerá as instalacións de ABSA, onde poderá observar en detalle os procesos que caracterizan a industria pesqueira da zona.

A alcaldesa de Burela, Carmela López, destacou a relevancia deste encontro e subliñou a profunda conexión entre Burela e Cabo Verde. “A presenza de Osvaldo Chantre aquí representa moito máis ca unha visita institucional: simboliza os lazos históricos e culturais que unen ás nosas comunidades. A poboación caboverdiana é parte fundamental da identidade de Burela e contribúe cada día a facer da nosa vila un lugar máis diverso e acolledor”.

Ademais, resaltou a importancia de compartir experiencias no ámbito da pesca. “Colaborar e intercambiar coñecementos permítenos avanzar xuntos e reforzar o noso sector pesqueiro. Estes encontros fannos máis fortes e abren camiños cara a un futuro de cooperación e respecto mutuo”.

O tenente de alcaldesa, Mario Pillado, tamén puxo en valor a visita de Chantre, sinalando que exemplifica a importancia da cooperación internacional. “Esta iniciativa demostra a utilidade do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade como ferramenta para estreitar lazos cos países do Sur, en especial con Cabo Verde, fomentando un intercambio enriquecedor para ambas partes”.

Mañá, martes 1 de abril, Mario Pillado e Osvaldo Chantre desprazaranse a Sevilla para participar no IV Foro Mundial de Desenvolvemento Económico Local, que se celebrará ata o xoves 3 de abril, representando tamén ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.

⚙ Configurar cookies
0.056640863418579