Burela deu inicio á Semana Santa 2025 cun acto inaugural cheo de música e tradición

AMariñaXa
A presentación do cartel, a lectura do pregón de Reinaldo González e actuacións musicais marcan o comezo da XXVII edición da Semana Santa local
BURELA_Semana-Santa-2025-pregon-e-inauguracion.1
22 Mar 2025

O Concello de Burela deu a saída á celebración da Semana Santa 2025 cun emotivo acto no que se presentou o cartel oficial, obra do fotógrafo local Pacheco, e no que Reinaldo González, colaborador destacado da Semana Santa de Burela, foi o encargado de ler o pregón. O evento, que deu inicio á XXVII edición desta tradicional festividade, tamén contou coas actuacións musicais da Escola de Música de Burela e do grupo Acordeonistas da Mariña, que puxeron a nota musical á xornada inaugural.

A alcaldesa de Burela, Carmela López, aproveitou a ocasión para agradecer e destacar o labor da Asociación Semana Santa de Burela, das Confrarías e de todos os cofrades, que "ano tras ano fan posible que esta celebración continúe e se consolide na programación cultural e social do noso municipio". López subliñou a importancia deste evento como un dos máis relevantes do calendario cultural de Burela.

A programación da Semana Santa continuará nos vindeiros días cunha serie de actos relixiosos e culturais, todos abertos á participación da veciñanza, que poderán vivir e compartir esta tradición única da localidade.

⚙ Configurar cookies
0.091822862625122