Burela despide o verán cunha festa infantil e xuvenil na Praza do Concello

O Concello de Burela vén de presentar unha nova edición da súa tradicional Festa Fin de Verán, un evento pensado para despedir a tempada estival cunha ampla programación de lecer dirixida principalmente á mocidade e á infancia.
A celebración desenvolverase na Praza do Concello entre o 23 e o 26 de agosto e incluirá diversas propostas con acceso gratuíto, como inchables e atraccións acuáticas, que garantirán diversión para os máis pequenos.
A programación arrancará o sábado 23 de agosto cun horario de tarde, de 16:00 a 19:30 horas. A partir do domingo 24 e ata o martes 26, a oferta ampliarase con sesións tanto de mañá como de tarde: de 11:30 a 14:00 e de 16:00 a 19:30 horas.
Desde o goberno local salientan que o obxectivo principal é ofrecer un espazo de encontro e entretemento para as familias, ao tempo que se pon o broche final a un verán cheo de actividades e eventos no municipio.