Burela despedirá o ano cun ballet de primeiro nivel: “Romeo y Julieta” chega á Casa da Cultura

O Concello de Burela vén de anunciar unha das citas culturais máis destacadas deste Nadal: o espectáculo de ballet Romeo y Julieta, que se representará o venres 26 de decembro de 2025, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura. A montaxe, baseada na célebre traxedia de William Shakespeare e acompañada pola composición de Serguéi Prokófiev, forma parte da xira estatal presentada por Leonor Gago, unha das produtoras máis recoñecidas no ámbito da danza.
A posta en escena recupera a lendaria historia desenvolvida na Verona renacentista, marcada pola confrontación eterna entre Montesco e Capuleto. O ballet percorre os episodios esenciais desta paixón condenada: o primeiro encontro no baile, o enlace secreto, o peso do conflito familiar, o desterro, o plan de fuxida e o final tráxico que converte esta obra nun símbolo universal do amor xuvenil fronte ao odio e á intolerancia. A produción promete unha lectura intensa e emocional, sustentada nun corpo de baile de alta calidade.
A concelleira de Cultura, Lina Gómez, subliñou que para o municipio “é un orgullo poder ofrecer nesta época festiva un espectáculo desta envergadura, que enriquece a nosa programación e permite que a veciñanza desfrute dunha experiencia cultural inesquecible”. Engadiu que a chegada deste ballet “constitúe unha oportunidade única para achegarse a unha creación universal interpretada por unha compañía de prestixio”.
As entradas xa están dispoñibles a través de Ataquilla, e desde o Concello animan á poboación a asistir a esta proposta que pechará o ano cun evento artístico excepcional na Casa da Cultura.