Burela dará luz verde ao traspaso da Unidade de Drogodependencias ao Sergas este xoves

AMariñaXa
O Pleno extraordinario aprobará a integración do servizo no sistema sanitario público, garantindo continuidade asistencial e mellores medios para a comarca
Casa_concello_Burela
2 Dec 2025

O Concello de Burela celebrará este xoves ás 10:00 horas un Pleno extraordinario dedicado exclusivamente a aprobar o traspaso da Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) ao Servizo Galego de Saúde (Sergas), en cumprimento do acordo acadado pola Comisión Mixta Xunta–Fegamp. Con esta decisión, o cambio de xestión farase efectivo o 1 de xaneiro, data na que a UAD pasará a estar plenamente integrada na estrutura sanitaria pública de Galicia.

A proposta que se someterá a votación recolle a incorporación do persoal e dos medios materiais da unidade ao Sergas, así como o inicio do expediente para a cesión de uso do actual Centro de Drogodependencias. O obxectivo é garantir que a prestación asistencial continúe realizándose, de maneira temporal, no mesmo edificio e sen ningún tipo de interrupción.

A alcaldesa de Burela, Carmela López, destacou que esta integración permitirá “asegurar a continuidade e a estabilidade da atención, ademais de contar con recursos máis axeitados para un servizo fundamental tanto para Burela como para o conxunto da comarca”. Subliñou que o traspaso responde a unha “reivindicación longa e compartida por concellos de toda Galicia”, lembrando que se chegou a este punto tras “anos de insistencia e negociación”.

López insistiu en que Burela, como outros municipios que dispoñen dunha UAD, necesitaba “con urxencia” este cambio para consolidar unha atención socio-sanitaria “estable, reforzada e plenamente integrada no sistema público”. Tamén puxo en valor o labor “imprescindible” do persoal da UAD de Burela e das demais unidades galegas, cuxo “compromiso e dedicación permitiron manter o servizo nas mellores condicións posibles, mesmo en momentos cunha evidente falta de persoal”. A rexedora asegurou que o seu esforzo resultou determinante para chegar ao escenario actual, “ás portas dunha integración necesaria para o futuro destas unidades”.

Para rematar, a alcaldesa apuntou ás seguintes metas do municipalismo galego, entre elas o traspaso da Atención Temperá. Considerou que este servizo é “esencial” e debe incorporarse tamén ao sistema público “para garantir a mellor atención ás familias e aos menores”.

⚙ Configurar cookies
0.070338010787964