Burela dá un paso decisivo coa integración da UAD no Sergas a partir de xaneiro

AMariñaXa
O Pleno aproba por unanimidade o traspaso dun servizo que atende máis de 500 persoas e reivindica que, no futuro, se localice en espazo sanitario
PLENO-EXTRAORDINARIO-DE-BURELA-4-DE-DEC
SD Burela, CB Burela e CD Burela FS colaboran compartindo cantina
4 Dec 2025

O Concello de Burela deu luz verde este xoves, por unanimidade de toda a corporación, ao traspaso da Unidade Asistencial de Drogodependencias (UAD) ao Servizo Galego de Saúde. A medida farase efectiva o 1 de xaneiro e representa, segundo remarcou a alcaldesa Carmela López, “un avance histórico na atención pública ás persoas con adiccións en toda a comarca da Mariña”.

A rexedora subliñou que o acordo non chega por casualidade, senón tras un longo percorrido de reivindicacións e traballo sostido por parte dos concellos, da FEGAMP e do propio persoal das unidades: “Nada disto aparece da noite para a mañá. Son anos insistindo, pedindo recursos, esixindo estabilidade e defendendo un servizo que, con moi pouco, leva décadas atendendo a máis de 500 persoas usuarias que dependen del para continuar os seus tratamentos”.

Xunto ao traspaso ao Sergas, o Pleno aprobou tamén iniciar o expediente de cesión de uso do local municipal onde actualmente se presta a UAD. Con esta decisión, o Concello garante que a actividade continuará con normalidade durante o proceso de integración na estrutura sanitaria galega.

López detallou que esta cesión é provisional, e que o obxectivo do municipio é que a UAD dispoña, máis adiante, dun espazo plenamente sanitario: “O habitual noutras comunidades autónomas é que estes servizos estean nos hospitais ou nos centros de saúde. A saúde mental forma parte da sanidade e debe ser tratada sen excepcións. As persoas usuarias merecen recibir atención nun espazo normalizado, sen estigmas nin sensación de illamento”.

O tenente de alcaldesa, Mario Pillado, quixo destacar o papel crucial das profesionais da UAD nestes anos de incerteza: “O traballo, a implicación e a dignidade do persoal foron exemplares, especialmente nestes dous anos nos que nos tocou xestionar directamente esta área”. Apuntou tamén que a integración no Sergas suporá unha oportunidade para reforzar recursos e cubrir vacantes: “Agora mesmo a praza de médico está sen cubrir. En canto o servizo se incorpore formalmente á área de Saúde Mental, será máis doado atopar profesionais e estabilizar o equipo”. Concluíu asegurando que “é unha gran nova para todas as partes implicadas”.

Tras este avance, o Concello pon o foco nunha nova prioridade: a integración da Atención Temperá no sistema público galego. A alcaldesa avanzou que este será o seguinte obxectivo político e institucional: “Hoxe celebramos un logro enorme coa UAD, pero mañá comezamos outra batalla. A Atención Temperá precisa estabilidade, equipos completos e tempos de espera asumibles. Os nenos, nenas e as súas familias non poden seguir dependendo de convenios temporais ou recursos insuficientes. Burela estará na primeira liña, como sempre”.

A rexedora puxo en valor que este avance non é froito dun único actor, senón dun esforzo conxunto: “Este paso adiante é un logro da FEGAMP, dos concellos, das profesionais das UAD e tamén da Xunta, que finalmente atendeu unha demanda que levabamos anos formulando. Cando hai colaboración institucional, gaña a cidadanía e gañan os servizos públicos”.

Con esta decisión, Burela sitúase como un dos concellos pioneiros en avanzar cara á integración plena das UAD no sistema sanitario galego, un cambio que marcará un antes e un despois na atención ás adiccións e na garantía de recursos públicos para quen os necesita.

⚙ Configurar cookies
0.074527025222778