Burela crea o ‘Rincón Multicultural’ para dar visibilidade á diversidade cultural da vila

O Concello de Burela vén de dar a coñecer unha nova proposta impulsada pola área de Inmigración: o Rincón Multicultural, un espazo pensado para reflectir e compartir a riqueza cultural das diferentes comunidades que habitan no municipio. A iniciativa contará cun punto físico na Biblioteca Municipal e tamén estará dispoñible en formato dixital a través da páxina web do Concello.
Segundo explicou o concelleiro Mario Pillado, a proposta xorde a raíz da participación do goberno local nas xornadas dedicadas á literatura caboverdiana organizadas polo IES Perdouro. Daquela, adquiriron o compromiso de incorporar obras de autores caboverdianos á biblioteca. Porén, Pillado aclarou que “non nos deberíamos quedar aí, senón que creemos que tiñamos que englobar todas as culturas e orixes posibles e dar cabida a tódolos colectivos”.
Durante os últimos meses, o Concello estivo perfilando o proxecto da man das bibliotecas dos centros educativos de Burela. Froito dese traballo conxunto xurdiron propostas como a recollida da tradición oral das diferentes nacionalidades presentes no municipio, coa intención de transformala en audiolibros ou podcast. “Detectamos que era complicado atopar textos en linguas como o crioulo ou o uolof, así que exploramos novas fórmulas para preservar ese coñecemento oral e manter vivas as memorias das culturas que conviven en Burela”, indicou Pillado.
Na xuntanza celebrada onte entre o equipo de goberno e representantes de varias asociacións e comunidades migrantes, compartiuse o deseño da iniciativa. A acollida foi moi positiva. “Recibimos suxestións moi interesantes, como a idea de organizar unha mostra de roupa tradicional ou un podcast multicultural”, detallou o edil.
O primeiro paso concreto do proxecto materializarase este verán cunha actividade interxeracional na Casa da Xuventude. Trátase dun encontro no que se procurará recompilar contos, lendas, cantigas e outros elementos do legado oral das distintas comunidades residentes en Burela. “Queremos recoller estas historias desde todos os puntos de vista que existen na nosa vila e poñelas por escrito”, afirmou o concelleiro.
Pillado subliñou a importancia de colaborar co tecido educativo e asociativo local: “É moi gratificante desenvolver este proxecto da man da xente que constrúe comunidade cada día”. Ademais, fixo un chamamento á veciñanza para que se sume á proposta: “Calquera persoa ou colectivo que queira compartir tradición oral, contidos multiculturais ou experiencias está convidado a participar. Será sempre ben recibido”.