Burela convida á creación artística co concurso ‘MoldeArte’ arredor da memoria mariñeira

AMariñaXa
A convocatoria busca intervir o molde do Pena Burela como homenaxe ao patrimonio pesqueiro da vila, cun premio de 3.500 euros para a proposta seleccionada
faro-burela-obras
16 Jun 2025

O Concello de Burela vén de poñer en marcha o certame artístico ‘MoldeArte’, unha iniciativa dirixida a persoas creadoras e colectivos que desexen desenvolver unha intervención no molde restaurado do faro Pena Burela, situado na contorna da Marosa. Esta proposta insírese dentro do proxecto O espello do faro, impulsado grazas ao financiamento do GALP A Mariña – Ortegal a través do Fondo Europeo Marítimo de Pesca e Acuicultura (FEMPA), e ten como finalidade poñer en valor o patrimonio material e inmaterial ligado á tradición mariñeira do municipio.

A convocatoria permanecerá aberta durante trinta días naturais desde a súa publicación oficial e inclúe unha dotación económica de 3.500 euros para levar a cabo a intervención seleccionada. As persoas interesadas poden consultar as bases completas nas canles oficiais do Concello de Burela, e tamén dirixir as súas consultas ao correo electrónico burelafempa@gmail.com.

O certame dálle continuidade ao traballo desenvolvido ao longo deste ano, no que se acometeu a restauración do molde do Pena Burela e se organizaron obradoiros interxeracionais coa participación de adolescentes e da Asociación de Xubilados do Mar A Moncloa. Estes encontros permitiron recoller testemuños, lembranzas e reflexións arredor da vida no mar e a identidade pesqueira de Burela.

Para facilitar o deseño das propostas, o Concello ten previsto organizar unha xornada de visita, na que os e as participantes poderán coñecer de primeira man o espazo e resolver dúbidas técnicas co equipo promotor. A resolución do xurado está prevista para o mes de xullo, e a intervención artística escollida desenvolverase ao longo do verán.

Entre os criterios de valoración destacarán a orixinalidade, a calidade plástica, o grao de innovación e a capacidade para incorporar os contidos tratados nos obradoiros previos, como retratos ou audios de persoas vencelladas ao sector pesqueiro.

⚙ Configurar cookies
0.14571499824524