Burela conta cun novo partido que tentará facerse oco na vida política
Alberto Eiroá Pérez atópase á fronte de Son Burela, un novo partido político creado tras un debate por tentar "arranxar o mundo" nunha sobremesa no 2020 por varios amigos.
Como xurdiu a nova formación política?
O principal motivo que nos levou a tomar a decisión de crear un partido político independente local, foi o descontento coa vida política de Burela e cos partidos políticos convencionais. Facendo unha valoración destas dúas derradeiras lexislaturas, consideramos que Burela foise perdendo no tempo de tal forma que, a día de hoxe, Burela non é Burela, pero isto non é culpa dun só partido.
Que destaca de Son Burela?
Son Burela nace co un único e exclusivo interese, Burela. Cada día atopámonos con mais persoas descontentas cos partidos políticos convencionais, xa que cada vez agochan menos os seus intereses partidistas poñéndoos, en moitas ocasións, por riba dos intereses de Burela.
Un dos piares fundamentais do noso proxecto é recuperar a relación coa xente, coas asociacións e coas institucións, xa que entendemos que se logramos que todos traballemos nunha mesma dirección, Burela non seguirá varada no tempo.
Xa teñen preparada a lista?
Formar unha lista é un dos traballos mais complicados para un partido político a nivel local, e moito mais aínda para un partido independente. Partimos cunha importante desvantaxe en relación ós partidos políticos convencionais, xa que eles dispoñen dos medios para realizar este trámite con maior facilidade. Pero isto non pasa só coa lista, senón que tamén en outros ámbitos.
Como partido democrático, a elección do candidato que se presentará ós próximos comicios municipais, correspóndelle á Asemblea Xeral do partido. Este organismo é o que decidirá quen será o candidato de Son Burela para as municipais do 23.
Cren que hai espazo para un novo partido en Burela?
A dicir verdade... non botamos eses cálculos. O obxectivo de Son Burela é traballar duro para presentar unha candidatura e un proxecto ilusiónante para a veciñanza, se logramos o obxectivo de ilusionar á xente co noso proxecto, poderemos atopar un espazo na vida política de Burela. Se non logramos ilusionar á xente, non teremos ese espazo, así de sinxelo. Está nas nosas mans traballar para construír un proxecto que ilusione, xa que esa ilusión se pode transformar en apoio a través do voto nos próximos comicios.
Que habería que mellorar en Burela?
A día de hoxe, existen importantes xestións, urxentes inclusive, pendentes de realizar dende hai anos. Xestións que provocan graves incidencias entre a veciñanza e que, por desgraza, non hai visos de que se vaian a solucionar nun breve espazo de tempo.
Por outra, como comentamos anteriormente, un dos piares fundamentais do noso proxecto é a recuperación das relacións... coa xente, coas asociacións e coas institucións. Somos coñecedores de primeira man, que estas relacións fóronse degradando no tempo ó longo destas dúas últimas lexislaturas por diversos motivos. En este punto é onde centraremos a maioría do noso esforzo.