Burela conmemora o Día Internacional contra a Discriminación Racial cunha serie de accións pola igualdade

AMariñaXa
O Concello desenvolve varias iniciativas para promover a diversidade e a convivencia, destacando o XI Concurso Contra a Discriminación Racial
Cartel-concurso-Burela-Discriminación-Racial-2025
21 Mar 2025

O Concello de Burela renova o seu compromiso coa igualdade cunha serie de actividades no marco do Día Internacional contra a Discriminación Racial, que se conmemora hoxe, 21 de marzo.

Por unha banda, hoxe remata o prazo de inscrición do XI Concurso Contra a Discriminación Racial. Unha vez avaliados os traballos presentados, celebrarase un acto público de entrega de premios para recoñecer a implicación da cidadanía nesta loita.

Ademais, o mércores 26 de marzo, a técnica de Inmigración do Concello e o persoal da Aula Gaia visitarán os centros de primaria para desenvolver unha actividade lúdica e educativa centrada na diversidade e na convivencia, co obxectivo de sensibilizar aos máis novos sobre a importancia da inclusión.

Outro dos actos previstos é a colocación, a partir de hoxe, venres, dun libro na entrada do Concello, onde a veciñanza poderá deixar mensaxes de apoio á integración e en contra da discriminación. Esta iniciativa pretende promover a reflexión e o compromiso da cidadanía na loita contra a exclusión social.

"O Concello de Burela mantén un traballo continuo neste eido, cun contacto directo cos centros educativos e a través da participación no Fondo Galego de Cooperación, que nos permite desenvolver accións tanto a nivel local como en colaboración con países do Sur", sinala o tenente de alcaldesa Mario Pillado.

"Por todo isto, pretendemos poñer en valor o traballo do noso persoal, que continúa preparando actividades para as próximas datas, en constante sintonía coas diferentes comunidades para seguir mellorando na inclusión e na integración", engade o concelleiro.

⚙ Configurar cookies
0.14668488502502