Burela conmemora o 8M cun programa de actividades culturais, educativas e participativas

O Concello de Burela organiza ao longo deste mes unha programación especial con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, cun conxunto de actividades abertas á veciñanza que combinan actos institucionais, propostas culturais e iniciativas educativas dirixidas a persoas de todas as idades.
O acto principal da conmemoración terá lugar o propio domingo 8 de marzo ás 17:30 horas no Parque Rosalía, onde se procederá á lectura do manifesto institucional. Tras este momento simbólico desenvolverase a actividade participativa “Sementando Igualdade”, que consistirá na plantación de flores lilas nun dos espazos máis frecuentados polas familias da vila.
A concelleira de Igualdade, Sandra Fernández, explicou que esta iniciativa pretende transmitir unha mensaxe clara sobre a importancia de educar en igualdade dende a infancia. Segundo indicou, “plantaremos flores lilas no parque onde xogan as nosas crianzas, como un xesto simbólico para lembrar que o futuro tamén se constrúe promovendo valores de igualdade desde os primeiros anos”.
A programación inclúe tamén varias propostas culturais destinadas a reflexionar sobre o papel das mulleres na historia e na sociedade. Así, o xoves 12 de marzo ás 20:00 horas, no salón de plenos da Casa do Concello, proxectarase o documental Alén dos silencios, que irá acompañado dun coloquio coa súa directora, Carmen P. G. Granxeiro. Un día despois, o venres 13 de marzo á mesma hora, o Auditorio Municipal acollerá a proxección do filme Nación, dirixido por Margarita Ledo Andión.
No ámbito educativo, durante todo o mes de marzo desenvolverase nos centros escolares da vila unha actividade de sensibilización dirixida ao alumnado de primaria e secundaria. Trátase do Escape Room pola Igualdade “Estrelas”, unha proposta dinámica que busca fomentar a reflexión sobre a igualdade entre mulleres e homes a través do xogo e do traballo en equipo.
Como parte da conmemoración do 8M, o Concello tamén iluminará de violeta a Casa do Concello e diferentes prazas do municipio, un xesto simbólico que pretende visibilizar o compromiso institucional coa igualdade.
Ademais, a programación complétase cunha actividade promovida polo movemento asociativo local. O sábado 7 de marzo ás 17:30 horas, na Praza de Abastos, o Colectivo de Mulleres do 8M de Burela organizará un obradoiro aberto á participación da veciñanza para elaborar pancartas reivindicativas.
A alcaldesa de Burela, Carmela López, destacou que a igualdade é un proceso que se constrúe día a día e que require da implicación de toda a sociedade. Neste sentido, sinalou que “os símbolos violetas no Concello e no Parque Rosalía teñen forza: non son decoración, son unha declaración da sociedade que queremos ser”.
Pola súa banda, a concelleira de Igualdade subliñou que o programa pretende implicar á veciñanza de todas as idades e combinar memoria, cultura e educación. Fernández incidiu especialmente na importancia de traballar coa infancia e coa mocidade para seguir avanzando cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria.