Burela comparte a súa experiencia como Cidade Amiga da Infancia nas VI Xornadas Formativas en Santiago

AMariñaXa
O concelleiro Mario Pillado participou nunha mesa redonda sobre gobernanza local infantil, destacando o compromiso de Burela coa creación de espazos seguros e participativos para a mocidade
BURELA-10-DEC-Cidade-Amiga-da-Infancia
5 Jun 2025

O Concello de Burela foi un dos protagonistas nas VI Xornadas Formativas de Cidades Amigas da Infancia, celebradas o pasado mércores 4 de xuño na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en Santiago de Compostela. O encontro reuniu representantes municipais, especialistas e entidades sociais co obxectivo de avanzar na mellora da gobernanza local das políticas infantís.

Baixo o lema “Da teoría á práctica: mellorar a gobernanza da política local de infancia”, a xornada puxo o foco na creación de ferramentas efectivas e na troca de experiencias entre municipios galegos implicados na defensa dos dereitos da infancia.

Mario Pillado, tenente da alcaldesa e concelleiro de Xuventude de Burela, foi un dos relatores convidados e participou na mesa redonda titulada “Gobernanza en Galicia: estado actual, contribucións e experiencias”. Alí expuxo o traballo realizado en Burela dentro da rede de Cidades Amigas da Infancia, unha iniciativa promovida por UNICEF que busca garantir a participación activa da rapazada na vida municipal.

“Foi unha oportunidade moi enriquecedora para coñecer outras realidades e tamén para compartir o noso camiño, que ten como eixo central facer de Burela un lugar máis xusto, seguro e participativo para os nosos nenos e nenas”, sinalou Pillado.

A xornada, organizada por UNICEF Comité Galicia, a Consellería de Política Social da Xunta de Galicia e a FEGAMP, desenvolveuse entre as 9:00 e as 14:30 horas, con obradoiros prácticos, relatorios técnicos e mesmo intervencións de nenos, nenas e adolescentes que participan activamente en consellos locais e autonómicos.

Burela foi un dos tres concellos convidados a compartir boas prácticas xunto a Moaña e Ponteareas, o que reafirma o seu papel como referente na promoción dos dereitos da infancia en Galicia.

⚙ Configurar cookies
0.16538000106812