Burela combina mar, tradición e cultura nunha fin de semana que promete bater récords

AMariñaXa
A 39ª Feira do Bonito e a 23ª edición de Produart convertirán a vila mariñeira nun referente festivo e gastronómico da costa galega
Presentacion-Feira-do-Bonito-de-Burela
2 Aug 2025

Burela volverá ser, un ano máis, o epicentro das celebracións na Mariña lucense coa chegada da primeira fin de semana de agosto. A 39ª edición da Feira do Bonito, declarada Festa de Interese Turístico Nacional e de Galicia, reunirá milleiros de persoas arredor do prato estrela da vila, nun evento que tamén acollerá a 23ª edición de Produart, a feira de produtos do mar, ecolóxicos e artesanais organizada pola Fundación Expomar.

Na presentación oficial celebrada este luns na Casa do Concello, a alcaldesa Carmela López destacou que Produart “é unha mostra viva da nosa identidade mariñeira, da creatividade da nosa xente e do compromiso co futuro sostible da pesca e da artesanía local”.

Desde o venres ata o domingo pola tarde, máis de 50 expositores daranse cita nesta mostra que mestura gastronomía, cultura e tradicións do mar. O evento abrirase o venres ás 17:30 coa inauguración oficial a cargo da conselleira do Mar, Marta Villaverde, acompañada de Carmela López e de Francisco Cajoto en representación da Deputación de Lugo.

O mesmo venres, ás 19:00, terá lugar a presentación do XI Festival Osa do Mar, que volverá a Burela do 5 ao 7 de setembro. No acto participarán os organizadores, Diego Campo e Marcos Reimunde, da Asociación Fanto Fantini, así como representantes institucionais. A xornada pecharase cun concerto especial e unha degustación gratuíta de produtos pesqueiros.

Ao longo do sábado e do domingo, as actividades sucederanse sen pausa. Haberá pintacaras infantís a cargo do centro Gaia, demostracións de encaixe de bolillos da man da asociación “As Encaixeiras”, e presentacións literarias como Boni, unha viaxe marabillosa, de Santiago Martínez e Julio López, e El Secreto de la Salamandra Dorada, do xornalista Luis Castañeda.

A clausura de Produart será o domingo ás 20:00 horas. Desde a Fundación Expomar agardan que a feira sexa “un éxito rotundo, impulsado pola Feira do Bonito e polas múltiples actividades culturais, deportivas e de lecer que se desenvolven en paralelo”. Para Carmela López, “estes días son a proba do que Burela é capaz de ofrecer: unha experiencia completa, de calidade e profundamente ligada ás súas raíces mariñeiras”.

⚙ Configurar cookies
0.18428802490234