Burela colabora nun proxecto de saúde visual para a prevención da cegueira

AMariñaXa
Burela e Urbaser colaboran no Día Internacional da Visión con Médicos Mundi nun proxecto de saúde visual para a prevención da cegueira.
recollida gafas Burela
12 Oct 2021

A Concellería de Medio Ambiente e Urbaser colaboran no Día Internacional da Visión con Médicos Mundi nun proxecto de saúde visual para a prevención da cegueira. Do 14 ao 19 de outubro instalarán un stand en diversos puntos da vila para recoller aquelas gafas que a poboación xa non utilice e así darlles unha segunda vida. 

A edil de Medio Ambiente, Toñi Eijo, explicou que “o que perseguimos é darlle  unha segunda vida a aquelas gafas que xa non empregamos e que temos esquecidas en calquera caixón das nosas casas para darlles unha segunda vida axudando ás persoas que máis o necesitan”.

A concelleira burelesa lembrou que “segundo a Organización Mundial de la Salud, a OMS, hai 285 millóns de persoas con discapacidade visual, dos que 39 millóns son cegos, unha condición evitable no 80% dos casos. E hai 246 millóns de persoas que sofren discapacidade visual severa ou moderada. Por iso no noso compromiso co ODS 10, queremos colaborar no Día Internacional da Visión xunto a Médicos Mundi nun proxecto de saúde visual para a prevención da cegueira, #MisGafasTusGafas”. 

Toñi Eijo subliñou que “aquelas persoas que queiran doar as súas gafas poderán facelo no stand que vai estar colocado en diferentes puntos da nosa vila de 10 a 14 horas e de 16:30 a 19:30. O xoves, 14 de outubro, estará situado na Praza do Concello; o día 15 en Arcadio Pardiñas á altura do Gadis; o 18 en Rosalía de Castro, preto do Froiz; e o 19 de outubro na Praza da Mariña”.

A concelleira de Medio Ambiente engadiu que “as gafas recollidas, despois de seren sometidas a un proceso de selección e clasificación, serán enviadas aos proxectos de saúde visual para a súa distribución entre a poboación afectada por cegueira principalmente en Marrocos, Burkina Faso e Guatemala. Aquelas gafas que non sexan reutilizadas serán destruídas ecolóxicamente separando os diferentes compoñentes e procedendo á súa reciclaxe”. 

recollida gafas Burela 1 1
0.16801404953003