Burela colabora co proxecto Minerais contra o cancro
O alcalde, Alfredo Llano, asistiu na Facultade de Veterinaria en Lugo á presentación do proxecto de investigación de minerais contra o cancro. O rexedor anuncia un convenio de colaboración para poder axudar ao seu desenvolvemento.
Llano contou que “tiven a oportunidade de asistir á presentación do proxecto de investigación de minerais contra o cancro, no salón de actos da Facultade de Veterinaria. Xa estiveron en contacto con nosoutros no Concello e imos facer un convenio de colaboración con este departamento da Facultade de Veterinaria para poder axudar todo o que poidamos neste proxecto que cremos que é o moi necesario, moi bo para toda a poboación e que precisa da colaboración de todas as institucións, incluso de todas as persoas que poidan axudar neste aspecto”.
O alcalde de Burela explicou que “onte fíxose unha exposición do que se pretende, o tempo que vai levar e a poboación que vai ser investigada. Parécenos que iso repercute moi positivamente na loita contra o cancro e ademais penso que vai derivar tamén nunha mellor formación para establecer a alimentación máis adecuada para evitar enfermar de cancro ou os que enfermen poidan curarse antes. Así que entendo que neste proxecto debemos estar e vamos apoiar, se podemos economicamente, pero sobre todo con infraestrutura e na loxística que poidan necesitar no noso concello. E animar á xente a que se presenten cando soliciten voluntarios para diversas probas”.
Para Alfredo Llano “foi unha xornada moi interesante e vese que hai seriedade e moitas gañas de facer cousas sobre todo no campo da investigación, neste caso do cancro”.