Burela chama á veciñanza a participar na IV Andaina contra a Violencia

O Concello de Burela convoca á cidadanía a sumarse á IV Andaina contra a Violencia, unha iniciativa que se desenvolverá o domingo 30 de novembro ás 11:00 horas dentro das accións organizadas polo 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
A actividade seguirá unha ruta circular de 8 quilómetros, de baixa dificultade, con saída e chegada na Praza da Mariña. O obxectivo principal é fomentar a participación veciñal nun acto que pretende ser “simbólico e colectivo de rexeitamento á violencia de xénero”, segundo explicou a concelleira de Igualdade, Alexandra Fernández.
A edil subliñou que “este tipo de accións son importantes porque visibilizan a unidade social fronte á violencia e recordan que a igualdade constrúese cada día, tamén desde o espazo público”. Incidiu ademais en que “a participación cidadá é clave para reforzar a mensaxe de que toda forma de violencia contra as mulleres debe ser erradicada”.
O proxecto conta coa colaboración da Asociación Pasada das Cabras e está financiado cos créditos recibidos polo Ministerio da Presidencia, Relacións coas Cortes e Igualdade, a través da Secretaría de Estado de Igualdade, no marco do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, coa colaboración da Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero.