Burela celebrou por todo o alto o Día do Orgullo Mariñeiro

AMariñaXa
Burela celebrou o seu primeiro Día do Orgullo Mariñeiro, organizado pola Fundación Expomar e que combinou a divulgación nas escolas, a exaltación da cultura mariñeira e a gastronomía do mar para chegar a tódolos públicos.
17 Dec 2023

Burela celebrou o seu primeiro Día do Orgullo Mariñeiro, organizado pola Fundación Expomar e que combinou a divulgación nas escolas, a exaltación da cultura mariñeira e a gastronomía do mar para chegar a tódolos públicos.

Coa primeira actividade da xornada, Orgullo Mariñeiro nas Escolas, a Fundación Expomar repartiu nos comedores escolares de 8 colexios públicos da Mariña Lucense, máis de 700 racións de Merluza de Burela nos seus menús do día. O conselleiro do Mar da Xunta de Galicia, Alfonso Villares, participou na xornada visitando aos alumnos dos colexios CEIP Península da Paz de San Cibrao e CEIP Plurilingüe Vista Alegre de Burela.

Os centros educativos que recibiron pescada da lonxa de Burela nos seus comedores a través das súas empresas habituais de cáterin, Eurest e Twitty, foron o CEIP Plurilingüe Virxe do Carme e CEIP Plurilingüe Vista Alegre de Burela; o CEIP Plurilingüe de Foz Número 1; o CEIP Península da Paz de San Cibrao; a Escola de Educación Infantil San Roque, o CEIP Lois Tobío e o IES María Sarmiento de Viveiro; e o CEIP Antía Cal Vázquez de Muras.

A segunda parte da xornada, Orgullo Mariñeiro no Escenario, celebrouse no auditorio da Casa da Cultura de Burela desde as 6 da tarde, coa proxección da película documental Escamas, Sangue!, producida e dirixida por Adrián Canoura e Breixo Llano en 2014 polo 20 aniversario da Guerra do Bonito. O acto presentouno o xerente da Fundacaión, José M. González ‘Brais’, e a continuación tivo lugar unha charla coloquio na que tamén participaron Jaime Aguado, capitán marítimo de Burela, e Basilio Otero, patrón maior da confraría de Burela e presidente da Federación Nacional de Confrarías de Pescadores.

A continuación actuou a Coral Polifónica de Burela e interviñeron a presidenta da Fundación Expomar e alcaldesa de Burela, Carmela López, e o director xeral de Pesca da Xunta de Galicia, Antonio Basanta, que clausuraron a xornada cultural. Ambos recordaron como viviron aqueles días documentados na película e tamén aplaudiron a iniciativa da Fundación Expomar de marcar una data no calendario para celebrar o Día do Orgullo Mariñeiro non só de Burela, senón de todas as vilas e comunidades que viven directamente ligadas ao mar.

O Día do Orgullo rematou con unha festa popular de Peixe de Burela na carpa do Nadal de Burela, instalada na praza da Mariña, que acolleu o último bloque da xornada, “Orgullo Mariñeiro no Prato”, no que se degustaron gratuitamente receitas elaboradas con diferentes especies da lonxa de Burela: Empanada de Congrio e Caldeirada de Raia, poñendo así en valor a variedade de especies que se subastan na lonxa e o seu aproveitamento gastronómico.

Esta acción está organizada pola Fundación Expomar coa colaboración do Concello de Burela, e cofinanciada pola Xunta de Galicia e o Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa).

0.10024285316467