Burela celebra o seu tradicional Mercadillo de Nadal con récord de participación

AMariñaXa
O evento reunirá artesáns e entidades locais nun programa que aposta pola dinamización do centro.
BURELA-mercado-de-nadal-2024-1
25 Nov 2025

O Concello de Burela, a través da Concellería de Cultura, ultima os detalles dunha nova edición do seu tradicional Mercado de Nadal, que se celebrará o venres 29 e o sábado 30 de novembro na carpa instalada na Praza da Mariña. O horario establecido será de 10:30 a 20:30 horas, formando parte un ano máis das actividades que marcan o inicio da tempada festiva no municipio.

A organización destaca que esta cita “volve converterse nun punto de encontro para veciñanza e visitantes”, reunindo máis de 30 participantes entre artesás, asociacións e profesionais procedentes tanto da Mariña como doutras áreas de Galicia. Ao longo da fin de semana, o público poderá atopar unha ampla variedade de propostas: artesanía creativa, elementos de decoración de Nadal, xoguetes, alimentación de elaboración artesanal e unha zona de rastro de segunda man orientada a promover a reutilización e o consumo responsable.

Desde a Concellería de Cultura subliñan que “o Mercado de Nadal é unha oportunidade para dinamizar o centro de Burela e dar visibilidade ao talento local”, ademais de reforzar “alternativas sostibles a través do espazo de segunda man”. O número de participantes confirma o bo momento desta iniciativa: “A resposta da veciñanza foi excelente outro ano máis. Ter máis de trinta postos inscritos demostra que este mercado xa forma parte da tradición do Nadal en Burela”.

Tamén inciden en que a elevada participación “supera de novo as expectativas” e que contar con vendedores e creadoras de dentro e fóra da comarca “engade riqueza e un carácter especial á cita, que xa se consolidou como un evento que anima a vida social e comercial do centro”.

Durante o desenvolvemento do mercado, a Asociación Esperanza colaborará unha vez máis como entidade de apoio no recinto. O Concello agradece expresamente o seu traballo e implicación constante nas actividades comunitarias.

Entre os postos presentes, o público poderá coñecer tamén o conto infantil Las amigas del espejo, do autor de Burela Alejandro López Álvarez. A obra relata a aventura de Emma e Lúa, dúas nenas que, a través dun espello máxico, descobren a importancia de quererse, valorarse e confiar en si mesmas, un camiño que as conduce ao verdadeiro tesouro: a felicidade.

O Concello de Burela anima a toda a veciñanza e ás persoas que se acheguen ao municipio a visitar a Praza da Mariña nesta fin de semana, asegurando que atoparán “un ambiente festivo, familiar e cheo de espírito de Nadal”.

⚙ Configurar cookies
0.080602884292603