Burela celebra o seu terceiro Día do Orgullo Mariñeiro reivindicando a forza da cultura do mar

Burela volveu converterse nun referente da identidade mariñeira galega coa celebración da terceira edición do Día do Orgullo Mariñeiro, unha iniciativa impulsada pola Fundación Expomar coa colaboración do Concello e da Consellería do Mar, e financiada a través das axudas do FEMPA. O obxectivo desta cita, xa consolidada, é subliñar o peso da tradición marítima da vila e recoñecer o labor esencial de todas as persoas vinculadas ao mar.
A conmemoración mantivo a estrutura das edicións anteriores, cun programa dividido en tres espazos: os centros educativos e sociais de A Mariña, a Casa da Cultura e a Praza da Mariña.
A xornada iniciou o seu percorrido ao mediodía coa acción Orgullo Mariñeiro nas Escolas, coa que a Fundación Expomar repartiu máis de mil racións de pota da lonxa de Burela nos comedores de once centros públicos da comarca. Este ano incorporáronse ademais os comedores da Fundación Eu Son, en Burela, e da Asociación Saúde Mental A Mariña, en Cervo.
A iniciativa chegou a centros de Barreiros, Foz, Muras, San Cibrao, Viveiro e Burela, nunha acción que pretende achegar o produto local á mocidade e reforzar o coñecemento do sector pesqueiro. Autoridades locais e autonómicas, entre elas o director xeral de Pesca, Cándido Rial, e a alcaldesa de Burela e presidenta de Expomar, Carmela López, visitaron os comedores para coñecer as impresións do alumnado.
Pola tarde, o auditorio da Casa da Cultura acolleu a mesa de diálogo A Muller e o Mar, protagonizada por profesionais de distintos oficios marítimos: armadoras, estibadoras, redeiras e representantes da Administración. A conversa, moderada pola xerente do GALP A Mariña-Ortegal, Rosa Ana González, expuxo as dificultades, necesidades e aspiracións das mulleres do sector.
As participantes coincidiron en reivindicar unha maior oferta formativa, máis apoio institucional e facilidades para o emprendemento. Tamén subliñaron a importancia de visibilizar o papel feminino no mar e garantir o relevo xeracional nun ámbito no que cada vez resulta máis complexo incorporarse.
O acto pechouse coas intervencións de Carmela López e da directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles Vázquez, que destacaron o compromiso histórico das mulleres mariñeiras e o valor simbólico desta celebración.
A xornada estivo acompañada polas actuacións de Cantiños Osa do Mar, interpretadas por Arumiños ACM Arume e polo grupo infantil da SCR Ledicia.
A celebración culminou, un ano máis, na carpa de Nadal da Praza da Mariña cunha degustación popular dos produtos estrela de Burela: salpicón de merluza de pincho, empanada de bonito do norte e pota en salsa. A música volveu ter o seu espazo coa actuación especial do grupo xuvenil Blood Skeleton, que puxo o broche festivo á terceira edición do Día do Orgullo Mariñeiro.
Con actividades para todas as idades e un marcado carácter divulgativo, Burela reafirma así o seu compromiso coa defensa da cultura mariñeira e coa promoción dun sector que segue a ser signo de identidade e motor económico da comarca.