Burela celebra o Día da Infancia da man do grupo de participación adolescente
Burela celebra o Día da Infancia o 20 de novembro da man do grupo de participación adolescente. Será a primeira actividade a desenvolver para darse a coñecer e reivindicar o seu desexo de formar parte activa da vila.
A concelleira de Servizos Sociais, Carmela López, sinala que “temos un grupo de case corenta rapaces e rapazas moi involucrados e con moitas ganas de axudar a mellorar a súa vila. É moi interesante escoitalos e telos en conta para tomar decisións que lles afectan directamente. Eles van a aprender, pero nós sen dúbida tamén”.
Adolescentes e nenos e nenas están convidados o sábado a celebrar o seu dia. A primeira hora da tarde percorrerán a vila. A denominada Mani-Festi-Acción será de 17 a 18 horas. Con saída da cafetería Vista Alegre e primeira parada no Campón con lectura de manifesto, a segunda parada a carón do Gadis e lectura de manifesto, a terceira parada na Praza do Concello e lectura de manifesto, a cuarta para no parque e tamén con lectura de manifesto e a última na Praza de Abastos con lectura de manifesto.
E xa a partir das 18 horas os asistentes participarán en obradoiros de chapas e pulseiras, de manualidades e de xogos tradicionais xunto coas monitoras do Concello destinados aos máis pequenos na Praza de Abastos.