No marco das actividades polo seu centenario, a Confraría de Pescadores de Burela organiza "Ao Son do Mar", unha nova proposta que terá lugar o sábado 21 de setembro ás 18.00 horas no auditorio da Casa da Cultura de Burela. Este evento busca resaltar a importancia da música mariñeira como parte esencial da cultura marítimo-pesqueira da vila, divulgando así o seu patrimonio cultural.
A xornada contará coa participación de diversas agrupacións musicais tradicionais de Burela, como a Banda Santo Inocencio, os Acordeonistas Da Mariña Burela, Ledicia SCR, ACM Dambara Burela e ACM Arume Burela, que amenizarán a tarde con pezas inspiradas no mar e nas tradicións mariñeiras. A música, que noutrora acompañaba aos mariñeiros nas súas longas travesías, será o fío condutor dunha tarde interxeracional, na que maiores e mozos compartirán experiencias e aprendizaxes.
O evento tamén proporcionará un espazo para que os "vellos lobos de mar" relaten as súas vivencias aos máis novos, buscando inspiralos a seguir carreira no sector pesqueiro e contribuír así ao relevo xeracional, unha das principais preocupacións do sector.
Esta actividade forma parte do proxecto "Actividades Centenario Confraría de Pescadores de Burela", que conta co apoio do Programa FEMPA da Consellería do Mar, e que foi tramitado a través do GALP A Mariña-Ortegal. O proxecto ten como obxectivo divulgar a cultura mariñeira, destacar o papel das mulleres no mar, fomentar a integración social e promover a continuidade das tradicións pesqueiras entre as novas xeracións, asegurando o futuro do sector.