Burela celebra as Letras Galegas con teatro, literatura, música e tradición

O Concello de Burela pon en marcha unha programación cultural variada e interxeracional para conmemorar o Día das Letras Galegas, que se celebrará entre o xoves 15 e o sábado 17 de maio. O calendario inclúe dende actividades para a mocidade ata eventos tradicionais, como o Encontro de Palilleiras, pasando por presentacións literarias, unha proxección documental e teatro infantil.
“O noso obxectivo foi ofrecer unha proposta aberta, diversa e feita para todos os públicos, na que tradición e creatividade vaian da man”, explicou a concelleira de Cultura, Lina Gómez. “Queremos que esta fin de semana sexa unha festa da lingua e da cultura galegas, accesible e participativa para toda a veciñanza”.
A programación arranca o xoves 15 ás 17:30 horas na Casa da Xuventude cunha nova sesión do Grupo de Participación Adolescente (GPA), que centrará a súa actividade na figura das cantareiras e na súa relevancia como transmisoras da música e da poesía popular.
O venres 16 ás 12:00 horas, a Moncloa acollerá a presentación do libro Beixos gallados, do cervense Paco Rivas, autor con ampla traxectoria na poesía, a narrativa e os estudos lingüísticos vinculados ao galego mariñeiro. A edil de Cultura acompañará o escritor no acto, que cualificou como “un recoñecemento á nosa memoria oral e á nosa lingua de mar”.
Esa mesma tarde, ás 20:00 horas, a Casa da Cultura será escenario da proxección do documental Lévame a idea, da produtora Navíos e folerpas. A obra afonda na presenza feminina na música de tradición oral e aborda o machismo no contexto cultural galego. O filme inclúe homenaxes da Real Academia Galega a mulleres como Eva Castiñeira, Adolfina e Rosa Casás, Prudencia e Asunción Garrido ou Manuela Luma.
O sábado 17 celébrase unha das citas máis consolidadas da primavera burelesa: o Encontro de Palilleiras, que chega á súa 15ª edición. A xornada, organizada pola asociación As Encaixeiras co apoio do Concello, desenvolverase no porto entre as 10:30 e as 14:00 e das 16:00 ás 19:00 horas, con demostracións de encaixe, visitas culturais, degustacións gastronómicas, actividades para crianzas e un obradoiro impartido pola artesá Marisa Hermida, con prazas limitadas.
A programación concluirá ese mesmo sábado ás 18:00 horas na Casa da Cultura coa representación da obra infantil Os contos do Lobicán, un espectáculo de monicreques rimado que propón unha mirada divertida e poética sobre os contos clásicos. Está dirixido a nenas e nenos de entre 3 e 8 anos e a entrada terá un prezo simbólico de 3 euros.
Ademais, durante esta semana instalaranse tres novos buzóns de intercambio de libros no Parque do Hospital e nas praias Urbana e Marosa, sumándose ao xa existente no Parque Rosalía. “É unha maneira sinxela de promover a lectura e o acceso libre á cultura en galego”, sinalou Gómez.
A concelleira pechou a presentación convidando a toda a veciñanza a sumarse: “Animamos a participar, a compartir esta celebración da nosa identidade e a seguir facendo do galego unha lingua viva, útil e chea de futuro”.