Burela celebra a súa primeira Semana da Infancia cunha ampla programación educativa e lúdica

O Concello de Burela organiza por primeira vez a Semana da Infancia, unha proposta que busca situar no centro da vida local ás nenas, nenos e adolescentes, visibilizando os seus dereitos e reivindicando a súa participación activa na comunidade. A iniciativa celebrarase do 16 ao 20 de xuño con actividades repartidas por toda a vila e unha programación diversa pensada para distintos públicos.
Durante as mañás, desenvolveranse obradoiros e actividades específicas dirixidas ao público infantil e xuvenil, mentres que polas tardes a oferta será aberta para todas as idades, co obxectivo de fomentar espazos compartidos e interxeracionais. A Praza do Concello, a Praza de Abastos, o Salón de Conferencias ou os centros educativos acollerán as distintas propostas.
A programación abordará cuestións fundamentais como os dereitos da infancia, a igualdade, a diversidade, o bo trato, a saúde física e emocional, e o lecer desde unha óptica educativa. Para iso, deseñáronse actividades como contacontos, xogos tradicionais, obradoiros de ioga, actuacións de títeres e encontros divulgativos.
Tamén haberá espazo para actividades complementarias como torneos de Ping Pong e Uno, ou a exposición “Tan coma Ti”, centrada na realidade das persoas con Síndrome de Down. A semana culminará cun concerto de fin de curso da Escola Municipal de Música, que porá o broche artístico á celebración.
As persoas interesadas en participar nos torneos poden solicitar información ou inscribirse na Casa da Xuventude, a través do correo electrónico casaxuventude@burela.org ou chamando ao 982 58 11 41.
A celebración da Semana da Infancia chega xusto despois de que UNICEF outorgase a Burela o recoñecemento como Cidade Amiga da Infancia, unha distinción que avala o compromiso do municipio co benestar e a participación da poboación máis nova.
“É un motivo de orgullo e tamén unha gran responsabilidade ser recoñecidos como Cidade Amiga da Infancia”, sinalou Mario Pillado, tenente da alcaldesa. “Queremos celebralo como merece, con actividades que poñan en valor o papel da infancia en Burela. Seguimos traballando con elas e eles, e sempre da súa man”, concluíu.