Burela celebra a súa gran “Festa da Música” con máis de quince actuacións ao longo de toda a xornada

AMariñaXa
O evento terá lugar o sábado 22 de novembro na Praza de Abastos, con sesións musicais dende as 13:00 horas ata a noite e dúas comidas de confraternidade
festa-musica-Burela-2025
6 Nov 2025

Burela prepárase para vivir unha xornada chea de ritmo, convivencia e música coa celebración da “Festa da Música”, que se desenvolverá o sábado 22 de novembro na Praza de Abastos. O evento, organizado pola Banda de Gaitas Dambara en colaboración co Concello de Burela, reunirá a máis de quince grupos e artistas de diferentes estilos nunha cita que se estenderá dende as 13:00 horas ata ben entrada a noite.

No escenario pasarán formacións coñecidas da comarca e doutros puntos da provincia, como AM Santo Inocencio, Banda de Gaitas Dambara, Escola de Música de Burela, O Feitizo, Acordeonistas da Mariña, Asubíos da Chaira, Nuno Pico, Arume, Cova do Can, Raíces Peruanas, Banda do Ortegal, Cordenaia, Ledicia, Batuko Tabanka, Espera que vou mexar, Alex Djimi, Desta Vai e Os do 21. O peche da festa correrá a cargo de DJ Senín, que actuará a partir da medianoite.

Ademais das actuacións, a organización prepara dúas citas gastronómicas para compartir entre o público asistente: un xantar ás 14:30 horas e unha cea ás 21:00 horas, con menú tradicional que inclúe sopa de cocido, xamón cocido, chourizos, patacas, repolo, viño do país, sobremesas caseiras e café. Os prezos serán de 20 euros para adultos e 15 euros para menores de dez anos.

Dende a Banda de Gaitas Dambara destacan que esta festa nace co obxectivo de “celebrar a música en todas as súas formas, fomentar a participación veciñal e poñer en valor o talento local e comarcal”. Pola súa banda, o Concello de Burela colaborará na loxística e no acondicionamento da praza para garantir o éxito da cita, que se prevé multitudinaria.

A “Festa da Música” converte así a Burela nun punto de encontro para artistas e amantes da música, ofrecendo unha programación diversa e un ambiente festivo que promete prolongarse ata ben entrada a madrugada.

⚙ Configurar cookies
0.069490909576416