Burela celebra a diversidade coa nova edición do ciclo “Burela con Orgullo 2025”

AMariñaXa
O Concello impulsa tres actos culturais para visibilizar as realidades LGTBI+ e promover unha sociedade máis inclusiva
Casa_concello_Burela
21 Jun 2025

O Concello de Burela, a través do Centro de Información ás Mulleres (CIM), pon en marcha unha nova edición do ciclo “Burela con Orgullo 2025”, un programa centrado na reivindicación da diversidade sexual e de xénero a través da cultura. A proposta inclúe tres actividades culturais gratuítas que se desenvolverán entre o 25 de xuño e o 10 de xullo no Salón de Plenos da casa consistorial, con acceso libre ata completar o aforo.

A programación arrincará o mércores 25 de xuño ás 19:30 horas coa proxección do documental “Persoas S.A.”, dirixido por Carmen Granxeiro. Ao remate da sesión terá lugar un coloquio coa propia directora, a produtora do filme e presidenta da Asociación Arelas, Cristina Palacios, e a activista Sara Covas Palacios, unha das protagonistas do documental. Esta peza audiovisual afonda nas vivencias de persoas trans e nas súas loitas pola dignidade e os dereitos.

O ciclo continuará o 2 de xullo coa exhibición de “A noite irisada”, un documental que aborda a diversidade desde unha perspectiva máis íntima e poética, e rematará o 10 de xullo coa presentación do libro “Vidas e historias LGTB da Idade Media”, obra do escritor e activista Carlos Callón, que desvela testemuños esquecidos da historia afectiva e sexual en épocas pasadas.

A concelleira de Igualdade, Sandra Fernández, subliña que iniciativas como esta “son fundamentais para continuar avanzando na construción dunha sociedade máis xusta, plural e respectuosa coas diferenzas”. Destaca ademais o papel da cultura como “ferramenta transformadora, capaz de dar visibilidade ás realidades LGTBI+ e de lembrar que a defensa dos dereitos humanos é unha tarefa permanente”.

Fernández explica que o obxectivo de “Burela con Orgullo 2025” é achegar á veciñanza reflexións, coñecementos e experiencias arredor da diversidade sexual e de xénero, tanto dende a actualidade coma dende a memoria histórica, poñendo en valor as voces que tradicionalmente foron silenciadas. “Queremos que Burela sexa un referente en igualdade, onde todas as persoas, sexan como sexan, se sintan libres e recoñecidas”, conclúe.

⚙ Configurar cookies
0.15839314460754