Burela avanza no proxecto da Rede Nacional de Turismo Pesqueiro

O concelleiro do Mar e Turismo de Burela, Ramiro Fernández Rey, participou recentemente, xunto co xerente da Fundación Expomar, José Manuel González, e outros representantes públicos e privados, nunha reunión na sede do Ministerio de Turismo en Madrid para analizar o estado actual do proxecto da Rede Nacional de Turismo Pesqueiro. O encontro contou tamén coa presenza de membros da Secretaría de Estado de Turismo e do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
Durante a xuntanza, avaliáronse os avances do proxecto, que ten como obxectivo promover o turismo pesqueiro en toda España. Tamén se fixo unha revisión dos obxectivos pendentes antes de finalizar o proxecto en xuño de 2025, así como das posibles vías de colaboración institucional para asegurar a continuidade da rede despois de que remate o período de execución.
Ramiro Fernández Rey subliñou a relevancia deste encontro para o progreso da iniciativa, así como para recibir asesoramento técnico directo dos ministerios implicados. "Foi unha reunión moi produtiva, onde puidemos expor as nosas inquedanzas e recibir asesoramento do Ministerio. Aínda temos traballo por diante ata xuño, pero seguimos avanzando", afirmou o concelleiro.
O concelleiro tamén fixo fincapé na importancia de Burela dentro desta rede nacional, destacando o potencial do porto e os servizos turísticos relacionados co mundo mariñeiro e pesqueiro. "O noso obxectivo é seguir destacando o noso porto e atraer máis visitantes. Estamos convencidos de que o turismo pesqueiro será un motor de desenvolvemento para Burela", comentou Fernández Rey.
Outro dos aspectos destacados na reunión foi a posta en marcha da páxina web da Rede Nacional de Turismo Pesqueiro, que xa está en funcionamento e á que se están adherindo novas empresas e proxectos. A plataforma funcionará como un espazo clave para a promoción deste tipo de turismo en toda España. "É unha ferramenta fundamental para visibilizar o turismo pesqueiro en España e Burela ten que estar ben posicionada nela", concluíu o concelleiro.