Burela avanza na mellora dos recursos para a atención á discapacidade

AMariñaXa
O Concello participa nunha reunión de traballo centrada en proxectos clave como a residencia da Fundación Eu Son e a Atención Temperá
Burela-reunion-traballo-concelleira-servizos-sociais
5 Feb 2026

O Concello de Burela participou recentemente nunha reunión de traballo destinada a impulsar e consolidar recursos fundamentais para a atención ás persoas con discapacidade no municipio. No encontro estiveron presentes a concelleira de Servizos Sociais, Sandra Fernández, a directora da Fundación Eu Son, Noelia Eijo, e a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón Fernández.

Durante a reunión analizouse o estado de distintos proxectos estratéxicos, entre eles o avance da futura residencia promovida pola Fundación Eu Son, así como o desenvolvemento da Unidade de Atención Temperá. Trátase de iniciativas orientadas a reforzar a atención integral, promover a inclusión social e mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e das súas familias.

A alcaldesa de Burela, Carmela López, valorou positivamente este encontro e subliñou a importancia da coordinación entre administracións e entidades sociais. Nese sentido, indicou que está previsto manter proximamente unha reunión coa conselleira de Política Social, Fabiola García, co obxectivo de abordar de maneira global os recursos sociais vinculados á discapacidade e á Atención Temperá, tanto os proxectos xa en marcha como as necesidades actuais detectadas no municipio.

Pola súa banda, a concelleira de Servizos Sociais, Sandra Fernández, destacou o compromiso do Concello con este ámbito e asegurou que “seguimos traballando para crear novos recursos e adaptar os existentes ás necesidades reais das persoas con discapacidade e das súas familias”.

⚙ Configurar cookies
0.076469898223877