Burela avanza cara a un novo modelo de xestión das Festas Patronais

O Concello de Burela reuniuse coas entidades implicadas na organización das Festas Patronais co obxectivo de constituír unha nova asociación encargada da súa xestión. A iniciativa busca solucionar a dificultade recorrente de formar comisións anuais, garantindo así a estabilidade e continuidade do evento.
A alcaldesa, Carmela López, acompañada das concelleiras de Festexos, Patricia Eijo, e Cultura, Lina Gómez, presentou esta proposta como unha medida innovadora para estruturar e mellorar a xestión das festas. “Queremos que as Festas Patronais sexan un evento forte e consolidado, que non dependa do que poida pasar cada ano. A nosa cultura e tradición meréceno”, destacou López.
Dado que a creación formal da asociación require tempo, para este ano propúxose que a Asociación de Hostalaría de Burela, próxima a finalizar os seus trámites de constitución, asuma a responsabilidade da organización dos festexos, contando coa colaboración de todas as entidades implicadas. Segundo a alcaldesa, este modelo permitirá desenvolver un proxecto piloto que servirá de base para a futura asociación, asegurando o éxito da celebración sen incerteza sobre a súa organización.
López tamén confirmou que o Concello mantén contacto con Portos de Galicia e segue de preto os avances das obras no porto de Burela. Como resultado, confirmou que a explanada portuaria poderá acoller a maior parte das actividades festivas deste ano.
O obxectivo desta iniciativa é dotar a Burela dunha estrutura organizativa sólida e participativa, aberta tanto a entidades como a persoas físicas que desexen colaborar. Esta nova asociación velará pola continuidade dos actos máis emblemáticos, desde a procesión e os actos relixiosos ata a alfombra floral ou a programación musical.
“O Concello de Burela seguirá traballando xunto coa Asociación de Hostalaría e co tecido social da vila para garantir que esta transición sexa un éxito e que, no futuro, as Festas Patronais conten cun organismo estable que preserve e impulse a súa esencia”, concluíu López.