Burela aprobará unha modificación de crédito para diversas obras

AMariñaXa
A Corporación Municipal de Burela celebrará un pleno extraordinario o vindeiro venres, 20 de agosto.
Casa_concello_Burela
18 Aug 2021

A Corporación Municipal de Burela celebrará un pleno extraordinario o vindeiro venres, 20 de agosto. Será a primeira sesión presencial desde marzo do ano pasado. No pleno someterase a aprobación unha modificación de crédito de 2,6 millóns de euros que se destinarán á realización de melloras en varias rúas, áreas recreativas e instalacións deportivas, ao aforro enerxético e a outras moitas actuacións que se acometerán no que resta deste ano e no 2022. Esa partida de 2,6 millóns de euros procede do remanente de tesourería de 5 millóns de euros do Concello de Burela. O alcalde, Alfredo Llano, subliñou que isto é unha consecuencia da boa xestión económica realizada polo equipo de goberno.

O rexedor contou que “o próximo venres faremos un pleno extraordinario, que será o primeiro de forma presencial desde marzo de 2020. Vamos intentar aprobar unha cuestión moi importante referida aos orzamentos deste ano. O Concello de Burela ten un remanente de tesourería de 5 millóns de euros aproximadamente, incluso se chegou a ter máis pero estaba moi condicionado pola normativa gobernamental e polo tanto era moi difícil poder investilo. Agora, desde o ano pasado, a través dun acordo de goberno permítese aos concellos que teñen remanente poder empregalo naquelas cuestións que consideren oportunas este ano e posiblemente tamén para o que vén”.

Llano explicou que “como temos o remanente de 5 millóns, se é aprobado no pleno do venres imos destinar a unha modificación orzamentaria 2,6 millóns de euros. Facémolo pola oportunidade que temos de investilos e ademais agora mesmo os cartos nos bancos non fan nada ben ao Concello porque non dan beneficio practicamente. Entón hai que facer investimentos, para o que temos moitos proxectos pensados xa desde hai moito tempo, que agora imos concretar grazas a esta modificación”.

O rexedor subliñou que “as actuacións que se van levar a cabo son integrais, transversais e para todo o concello. Abarcan temas de melloras en rúas e beirarrúas, aforro enerxético, instalacións deportivas, merca de solo dotacional, arranxos en áreas recreativas, edificios públicos, parques, xardíns e prazas, … Todo aquilo que sexa beneficioso para o conxunto da poboación e do concello. Hai moitas actuacións, que se van tratar de acometer algunhas xa este ano e outras quedarán para o 2022, pero queremos ter estes cartos xa convenientemente perfilados para poder beneficiar ao conxunto da poboación de Burela da mellor maneira posible”.

Para Alfredo Llano “é unha boa medida, que é posible porque fixemos unha boa xestión económica durante estes anos, de tal xeito que pagamos todo o que se debía e ademais puidemos aforrar. E agora temos a oportunidade de poder empregalo para que o desfruten todos os veciños e veciñas de Burela. Ademais estas melloras integrais para todo o concello van crear moito emprego porque para todas as actuacións que vamos facer necesítanse traballadores. Por tanto penso que vai ser unha boa medida incluso para atraer moito emprego aquí. E estas actuacións unha vez rematadas van deixar a Burela nun plano atractivo para toda a xente que nos visite e desde logo para todos os que vivimos aquí”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.17593193054199