Burela aproba inicialmente un orzamento de máis de nove millóns para 2026

AMariñaXa
As contas, sen débeda e orientadas aos servizos públicos e á protección social, reservan 300.000 euros para a nova Relación de Postos de Traballo
Casa_concello_Burela
2 Mar 2026

O Pleno extraordinario do Concello de Burela deu luz verde á aprobación inicial dos Orzamentos Municipais para o exercicio 2026, que ascenden a 9.037.303 euros. Trátase dun documento económico equilibrado, sen recurso ao endebedamento e deseñado para reforzar os servizos públicos, blindar a atención social e avanzar na modernización da administración local.

Segundo se destacou na sesión, máis do 42% do gasto total destinarase aos Servizos Públicos Básicos, consolidando áreas como limpeza, iluminación, mantemento ou abastecemento. Pola súa banda, o 18,76% das contas irá dirixido a Protección e Promoción Social, co obxectivo de fortalecer as políticas de apoio ás persoas e ás familias.

Entre as partidas salientables figura unha dotación específica de 300.000 euros para impulsar a nova Relación de Postos de Traballo (RPT), unha ferramenta clave para actualizar a estrutura organizativa municipal e mellorar a eficiencia interna. O goberno local considera que este paso permitirá ofrecer unha atención máis áxil e eficaz á cidadanía.

O capítulo de investimentos tamén recolle actuacións en espazos públicos e infraestruturas estratéxicas, así como a achega municipal comprometida para a nova EDAR, unha intervención considerada fundamental para avanzar en sustentabilidade e calidade ambiental.

Desde o executivo subliñaron que se trata dun orzamento realista e responsable, no que “cada euro está ao servizo de Burela”. Ademais, lembraron que as contas son públicas e poden ser consultadas pola veciñanza, reforzando así o compromiso coa transparencia e a boa xestión dos recursos municipais.

0.12719297409058