Burela aposta por un “verán bonito” con gastronomía mariñeira e música en vivo

Burela prepárase para vivir un verán cargado de sabor, música e actividade nas rúas. O Concello vén de presentar no Barco Museo Reina del Carmen dúas das súas principais propostas culturais e gastronómicas da tempada estival: a quinta edición do “Tapeo Bonito” e o programa musical “Verán Bonito 2025”.
O evento de presentación contou coa presenza da alcaldesa, Carmela López, o concelleiro de Turismo, Ramiro Fernández Rey, e as concelleiras de Festas e Comercio, xunto a representantes da hostalería local, da Cofradía de Pescadores e da asociación cultural Ledicia.
O concelleiro de Turismo foi o encargado de dar a coñecer estas dúas iniciativas que, segundo explicou, teñen como obxectivo “encher as rúas de Burela de vida, música e sabor durante os meses de xullo e agosto”. Fernández Rey destacou tamén “a implicación do sector hostaleiro”, clave para facer realidade esta programación.
A primeira proposta que se deu a coñecer foi o Tapeo Bonito, unha ruta gastronómica que terá lugar esta fin de semana, os días 17, 18 e 19 de xullo, e na que participarán 19 locais de hostalería do municipio, que ofrecerán tapas elaboradas a base de bonito, o produto estrela da vila. Entre os establecementos participantes atópanse A Terraza do Nordés, Rompeolas, Salitre, A’Mares, Contraste, L’Urbana, Sargo ou A Viñoteca Ril, entre outros.
O concelleiro agradeceu “o esforzo dos locais participantes, que nos van agasallar con verdadeiras delicias elaboradas con bonito”, e tamén tivo palabras de recoñecemento para a asociación Ledicia, organizadora da Feira do Bonito, “pola súa colaboración e pola doazón de dous exemplares de bonito que servirán para a preparación dalgunhas tapas”.
A segunda das iniciativas presentadas foi o Verán Bonito 2025, promovido pola nova Asociación de Hostalería de Burela, que ofrece música en directo ao aire libre todos os fins de semana dos meses de xullo e agosto, con concertos e sesións DJ en diferentes espazos da vila.
O programa arrinca mañá, 16 de xullo, co grupo Gin Toni’s, e contará con actuacións de DJ Balbin, Clau & Santi, Superglú, DJ Pepu, Carta de Ajuste ou Edu Calvario, entre outros. Os concertos celebraranse en terrazas e zonas exteriores como Rompeolas, L’Urbana, Contraste, Salitre ou A Terraza do Nordés.
A alcaldesa, Carmela López, quixo subliñar a variedade da programación estival, “con música ao vivo, propostas gastronómicas, actividades culturais e deportivas, animación infantil... unha oferta pensada para todos os públicos e que só é posible grazas á implicación do tecido local: hostaleiros, comerciantes, clubs deportivos, asociacións culturais e veciñanza en xeral”.
O concelleiro Ramiro Fernández engadiu que “o noso obxectivo é ter un verán bonito, no sentido máis amplo: boa música, boa comida e bo ambiente”. Ademais, sinalou que esta programación complementa outras ofertas turísticas do municipio como a Ruta do Peixe, o Barco Museo ou as Rutas Xeolóxicas.