Burela aposta polo turismo sostible con rutas mariñeiras, xeolóxicas e ornitolóxicas

AMariñaXa
O Concello reforza a súa programación estival cunha oferta que combina tradición, natureza e experiencias auténticas ligadas ao mar
Burela-rutas-veran-2025
4 Jul 2025

O Concello de Burela vén de reforzar a súa oferta turística de verán cun programa diverso que pon en valor a cultura mariñeira e os recursos naturais do municipio. A través de varias rutas guiadas, xa activas, veciñanza e visitantes poden achegarse á identidade local dende distintas perspectivas, todas elas cun fío condutor común: o mar como esencia do territorio.

Entre as propostas que continúan un ano máis, destacan a consolidada Ruta Xeolóxica —que permite descubrir a riqueza e singularidade da contorna costeira— e a Ruta Mariñeira, centrada na historia local e nas tradicións vinculadas á vida no mar. Tamén continúa dispoñible a Ruta do Peixe, que inclúe un dos momentos máis singulares da visita: a entrada na lonxa e a posibilidade de presenciar en directo a poxa do peixe.

“É unha experiencia moi diferente a calquera outra ruta turística e representa un elemento diferencial para Burela”, destacou o concelleiro de turismo, Ramiro Fernández.

Como novidade desta tempada, incorpórase unha ruta de observación de aves, pensada para aproveitar o paso migratorio de distintas especies que elixen esta zona como lugar de tránsito. “Está a ter unha acollida excelente. Temos xa moitas solicitudes e agardamos que sexa unha das actividades con máis futuro”, explicou o edil.

Ademais, mantense a promoción do Barco Museo Reina do Carmen, unha das xoias do patrimonio turístico da Mariña, onde se ofrece unha visión directa da tradición pesqueira a través dunha embarcación real, que agora serve de espazo museístico.

O concelleiro quixo agradecer “o apoio constante dos colectivos que fan posible esta programación, especialmente Moncloa e Apsa, que traballan da man co Concello para facer medrar o potencial turístico de Burela”. Segundo Fernández, “os datos falan por si sós, cada ano estamos a mellorar e iso é resultado dun traballo colectivo que debemos poñer en valor”.

⚙ Configurar cookies
0.15758109092712