Burela aposta polo cine como espazo de reflexión coa sesión “Historias de diversidade”

AMariñaXa
O Concello e Atoupa organizan na Casa da Cultura a proxección de Seis días corrientes dentro dun novo cinefórum aberto á veciñanza
Casa_concello_Burela
17 Feb 2026

O Concello de Burela, en colaboración coa Sociedade Cooperativa Galega Xuvenil Atoupa, impulsa unha nova proposta cultural baixo o título Historias de diversidade, que se celebrará este venres 20 de febreiro, entre as 19.00 e as 21.00 horas, na Casa da Cultura de Burela.

Nesta segunda sesión do ciclo proxectarase a película Seis días corrientes, dirixida por Neus Ballús. O filme segue a Moha ao longo dunha semana laboral intensa, marcada por desafíos profesionais e tamén persoais, ofrecendo unha ollada realista ás relacións humanas no ámbito do traballo e á convivencia nun contexto de diversidade cultural.

A actividade enmárcase nun cinefórum que busca ir máis alá da simple proxección cinematográfica. Tras o visionado, promoverase o diálogo e a participación do público, xerando un espazo de intercambio de impresións e reflexión colectiva arredor das temáticas abordadas na película.

Desde o Concello subliñan que esta iniciativa pretende fomentar valores como a inclusión, o respecto e a convivencia a través da cultura. O primeiro tenente de alcaldesa, Mario Pillado, destacou a relevancia de “impulsar propostas culturais que contribúan á sensibilización social e á creación de espazos abertos á participación da veciñanza”.

Con esta nova sesión, o goberno local e Atoupa consolidan unha liña de programación que aposta polo cinema como ferramenta para a análise crítica e o encontro social.

⚙ Configurar cookies
0.077999114990234