Burela aposta pola sustentabilidade cunha planta solar no pavillón Vista Alegre

O Concello de Burela vén de concluír a instalación dunha planta solar fotovoltaica de autoconsumo no pavillón Vista Alegre, unha actuación enmarcada no programa europeo FEDER 2021-2027 e destinada a mellorar a eficiencia enerxética das infraestruturas municipais.
A nova planta, situada na cuberta do pavillón, conta cunha potencia nominal de 20 kW e está formada por 56 paneis solares. Co seu funcionamento, o Concello poderá cubrir practicamente toda a demanda eléctrica deste espazo deportivo, acadando un aforro superior ao 80 % na factura da luz.
O investimento total foi de 27.050,76 euros, dos que un 60 % procede de fondos europeos FEDER, o que supón unha subvención de 16.230,46 euros.
O concelleiro de Obras, Ramiro Fernández, subliñou a relevancia desta intervención: “O pavillón Vista Alegre é utilizado diariamente por clubs e colectivos deportivos, polo que este aforro resulta fundamental non só a nivel económico, senón tamén no plano ambiental. Os recursos que deixemos de gastar en enerxía poderemos destinalos a mellorar servizos e realizar novas obras para a veciñanza”, apuntou.
Ademais, a instalación permitirá evitar a emisión de arredor de 8,08 toneladas de CO₂ ao ano, contribuíndo de xeito directo á loita contra o cambio climático. Fernández incidiu en que “temos claro que o camiño é apostar polas renovables, reducir o consumo e impulsar proxectos que melloren a calidade de vida da cidadanía. Seguiremos traballando para facer de Burela un concello máis sostible e eficiente”.