Burela aposta pola eficiencia enerxética coa instalación dun sistema de aerotermia no pavillón municipal

AMariñaXa
O Concello inviste máis de 45.000 euros nesta actuación, financiada pola Xunta, que permitirá reducir un 70 % o consumo eléctrico do sistema de auga quente
Burela-pavillon-Vista-alegre
29 Oct 2025

O Concello de Burela continúa avanzando na mellora da eficiencia enerxética das súas instalacións deportivas. Onte deron comezo as obras para instalar un novo sistema de aerotermia no pavillón municipal Vista Alegre, un proxecto financiado polo Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia, dirixido a concellos de menos de 15.000 habitantes, cun investimento total de 45.664,17 euros.

A intervención permitirá substituír o actual sistema de produción de auga quente, baseado en termos eléctricos, por un con tecnoloxía de aerotermia, que emprega o aire exterior como fonte de enerxía. Segundo explicou o concelleiro de Obras, Ramiro Fernández Rey, esta mellora suporá “un aforro arredor do 70% da enerxía que empregabamos para quentar a auga. Estes equipos aproveitan o aire para realizar esa función, o que implica unha redución moi significativa na factura eléctrica do pavillón”.

O edil lembrou que esta actuación se enmarca nun plan máis amplo de renovación e sustentabilidade das instalacións municipais. “Xa contamos con paneis solares no teito do pavillón e con iluminación LED no interior. Agora damos un paso máis coa aerotermia, que nos permite completar un modelo de instalación sostible, eficiente e respectuosa co medio ambiente”, indicou.

Fernández Rey salientou tamén que o proxecto inclúe a substitución dos antigos depósitos de auga por dous novos de mil litros, especialmente adaptados ao novo sistema. “O obxectivo é mellorar o rendemento enerxético e prolongar a vida útil das instalacións, garantindo ao mesmo tempo un servizo máis eficiente para os usuarios”, engadiu.

O concelleiro destacou o compromiso do goberno local coa redución de emisións e o uso responsable dos recursos públicos: “Seguimos traballando na mesma liña: reducir o consumo, eliminar as emisións de CO₂ e facer de Burela un referente en sostenibilidade. Ademais do beneficio ambiental, conseguimos tamén un importante aforro económico para as arcas municipais”.

Fernández Rey concluíu asegurando que esta actuación “pecha o círculo das melloras enerxéticas no pavillón, logrando un espazo máis moderno, eficiente e preparado para o futuro”.

⚙ Configurar cookies
0.0713210105896