Burela aposta pola arte como ferramenta educativa coa obra ‘En Carne Viva’

A Casa da Cultura de Burela converterase o vindeiro 24 de outubro, ás 21:00 horas, nun espazo de encontro entre a arte, a educación e a reflexión coa representación da obra En Carne Viva, da compañía Bengala Teatro Físico, escrita e dirixida por An González. A proposta, que combina creación escénica e compromiso social, forma parte dun proxecto máis amplo que implica directamente ao alumnado do IES Monte Castelo.
A concelleira de Cultura, Lina Gómez, destacou o valor desta iniciativa como exemplo de “como o teatro pode ir máis alá do escenario”. Segundo explicou, o proxecto inclúe un plan formativo integral que conxuga obradoiros de creación escénica, a asistencia á función e un espazo posterior de debate colectivo. “Esta colaboración permítenos achegar á mocidade unha experiencia cultural completa, que mestura arte, emoción e pensamento crítico”, subliñou.
O obradoiro, titulado O que soñamos pola noite, pero non nos atrevemos a dicir durante o día, propón traballar dende o corpo, a escritura e a improvisación teatral para transformar pensamentos íntimos en creación artística compartida. A través desta dinámica, o alumnado aborda temas de fondo social e emocional como o acoso escolar, a identidade de xénero, o feminismo, a conciliación ou o estigma social, sempre dende unha mirada empática e respectuosa.
A concelleira de Igualdade, Alexandra Fernández, puxo en valor precisamente esa dimensión humana e transformadora do proxecto: “Os obradoiros de En Carne Viva abordan temas tan importantes como a diversidade, o respecto, o feminismo ou a identidade persoal, e fano dende a empatía e o coidado. Este tipo de actividades axudan ao alumnado a expresarse, a entender as súas emocións e a respectar as diferenzas.”
Pola súa banda, a obra teatral En Carne Viva propón unha viaxe emocional e simbólica a través da identidade, o amor, o xénero e a frustración. Inspirada libremente en La vida es sueño de Calderón de la Barca, na película Laurence Anyways de Xavier Dolan e en testemuños anónimos, a peza transita entre a poesía e a denuncia social, amosando a loita das persoas por atopar o seu lugar nunha sociedade que ás veces resulta deshumanizadora.
A función, dirixida a público adulto, terá entrada de balde e promete ser unha das citas culturais máis destacadas do mes en Burela, combinando arte contemporánea, reflexión social e participación educativa.