Burela amplía a Zona de Estacionamento de Residentes O Mariñeiro
O Concello de Burela informa da ampliación da ‘Zona de Estacionamento de Residentes O Mariñeiro’, un proxecto que nace coa finalidade de solucionar un problema de tráfico na zona, garantindo un uso máis ordenado do espazo público. Este novo paso dáse tras analizar as peticións e suxestións da veciñanza, así como despois de avaliar a implantación inicial na rúa Monte Castelo, que serviu como fase piloto.
A ‘Zona de Estacionamento de Residentes O Mariñeiro’ busca priorizar o acceso ao estacionamento para as persoas empadroadas nesta área fronte a vehículos doutros usuarios que non teñen residencia na zona. Cun custe de 6,92 euros pola tramitación do expediente administrativo, as persoas residentes poden obter a autorización necesaria para aparcar nas prazas habilitadas, identificadas como parte da zona de estacionamento de residentes, sempre que estas estean dispoñibles no momento de aparcar.
A zona de residentes está sinalizada coa cor verde e, segundo o decreto aprobado, inclúe aos veciños e veciñas empadroados nas rúas Monte Castelo na súa totalidade; praza do Mariñeiro; rúa do Mariñeiro, entre as rúas Monte Castelo e Eijo Garay, comprendendo desde o número 1 ata o número 5, ambos incluídos; rúa Eijo Garay, entre as rúas O Mariñeiro e Rosalía de Castro, comprendendo do número 3 ao número 13, ambos incluídos, na marxe esquerda e entre os números 8 e 12, ambos incluídos, na marxe dereita.
En determinados tramos destas rúas, conviven as zonas de estacionamento sinalizadas en verde coa dispoñibilidade de prazas de estacionamento normal. Esta medida busca facilitar o aparcamento para persoas non residentes e dar soporte aos comercios locais, permitindo un acceso máis cómodo e dinámico á zona comercial. Ademais, o Concello está a estudar cambios nas áreas de carga e descarga para mellorar as condicións de traballo e loxística dos negocios da zona.
Segundo o Concello estas zonas “priorizan o estacionamento para veciños empadroados na zona, reduce a presión de vehículos alleos, especialmente en áreas con alta demanda e facilita a convivencia e o acceso ordenado ao espazo público”.
Así, engadiron que “é un proxecto en constante mellora” e “pedimos á cidadanía que manteña o diálogo aberto e nos traslade calquera dúbida ou proposta”.