Burela actúa fronte á violencia de xénero co programa Bufando
O programa Bufando (Burela actÚa Fronte Á violeNcia De xénerO) ponse en marcha para sensibilizar contra a violencia. O Concello deulle o pistoletazo de saída coa realización de talleres no CEIP Virxe do Carme da man do equipo de Retnova Proxectiva Consulting, SL
Bufando é un programa de intervención múltiple que busca desenvolver os acordos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero dende o eido local. A concelleira de Igualdade, Noelia Mª Ben, explica que “neste sentido, desenvolveranse unha serie de accións de prevención destinadas á poboación de Burela, tendo en conta a súa diversidade e os diferentes ámbitos nos que se desenvolve día a día a vida do concello. O deseño do programa parte da consideración de que a prevención e a abordaxe das violencias de xénero precisa dunha incorporación progresiva da perspectiva de xénero por parte das institucións e da cidadanía no seu conxunto”.
E engade que “é por iso que as accións conxugan sensibilización con formación en diferentes idades (dende as máis temperás ata as persoas adultas) e materiais informativos e formativos sobre temas de actualidade como, por exemplo, a violencia de xénero nas redes sociais”.
O programa Bufando está financiado con cargo aos créditos recibidos do Ministerio de la Presidencia, Relaciones con las Cortes e Igualdad, a través da Secretaría de Estado de Igualdad, “co obxectivo de despregar o Pacto de Estado contra a violencia de xénero, a través dos entes locais. Porque aturar a violencia é cousa de todas e todos... Afastemos o machismo Bufando! este é o lema da campaña”, engadiu Noelia Mª Ben.