Burela activa o seu programa “Somos Verán” para ofrecer lecer educativo á cativada durante os meses estivais

O Concello de Burela pon en marcha unha nova edición do programa “Somos Verán”, unha proposta municipal dirixida a ofrecer alternativas de lecer saudable, creativo e educativo para as crianzas do municipio durante as vacacións escolares. A iniciativa está pensada para nenas e nenos empadroados en Burela que estiveran matriculados en Infantil ou Primaria no curso 2024-2025.
O programa desenvolverase en catro quendas diferenciadas ao longo dos meses de xullo e agosto: a primeira terá lugar do 1 ao 11 de xullo, a segunda do 14 ao 24 de xullo, a terceira estenderase do 28 de xullo ao 8 de agosto e a cuarta desenvolverase do 11 ao 22 de agosto.
En cada unha destas quendas, haberá 75 prazas dispoñibles, cunha programación centrada en xogos, actividades de convivencia, aprendizaxes lúdicas e dinamización do tempo libre, coa finalidade de contribuír ao benestar e socialización dos máis pequenos durante o verán.
As inscricións poderán formalizarse do 9 ao 11 de xuño, mediante a entrega da folla de solicitude cuberta. As persoas interesadas poderán presentala presencialmente na oficina de Gaia ou ben enviala por correo electrónico ao enderezo gaia@burela.org.
A listaxe de admitidos farase pública o 17 de xuño, segundo informa o Concello. Dende a organización destacan que “Somos Verán” é xa unha cita consolidada no calendario estival da vila, e que cada ano conta cunha alta participación de familias que valoran positivamente a calidade das actividades ofertadas.