Burela acollerá unha concentración en defensa da sanidade pública
A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña convoca unha concentración para o vindeiro mércores 21 de abril , sumándonos así ás que se desenvolverán por todo o país aglutinadas pola plataforma SOS Sanidade Pública, colectivo no que estamos integrados. Na Mariña terá lugar en Burela, diante da Praza do Concello ás 20.00 horas.
"Durante máis dun ano a preocupación máxima deste colectivo foi, desde unha actitude totalmente respectuosa e de lealdade absoluta coas medidas sanitarias para combatir a pandemia, a información á poboación, sen menoscabo da denuncia pública ante as agresións aos dereitos de asistencia sanitaria ás persoas. Máis cremos, e así consideramos a totalidade de plataformas e colectivos sanitarios do país, que chegou a hora de sair novamente á rúa a facer valer o dereito a recibir unha asistencia sanitaria digna , garantindo a asistencia presencial nos nosos centros de saúde, incrementando o persoal sanitario e administrativo e rematando coa precariedade e inestabilidade do persoal asistencial", din dende a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da Mariña.
Perda de servizos na Mariña
"Desde que o goberno da Xunta suprimiu a nosa área sanitaria, o proceso de perda de servizos e o alonxamento da sanidade pública das persoas adquiriu unha velocidade vertixinosa, de xeito que hoxe, a case totalidade de mariñaos perciben uns servizos sanitarios menos cercanos, máis precarios e máis encamiñados á derivación cara a macrohospitais nas cidades", explican.
Desde o colectivo sanitario inciden na necesidade de defender a devolución da área sanitaria como primeiro paso para recuperar "a nosa autonomía orzamentaria e deixar de depender das migaxas que nos quedan despois de que que a capital use todos os recursos que precisan". "Non queremos as sobras, queremos unha dotación de recursos propia e adecuada ás necesidades deste territorio", explica Montse Porteiro, coordinadora da Plataforma.
O colectivo tamén advirte que "debemos loitar e saír á rúa para esixir que non se volvan repetir as situacións críticas que se derón hai uns meses, nas que especialidades como Reumatoloxía e Cardioloxía quedaron practicamente baleiras de profesionais, causando verdadeiros colapsos de asistencia e sumándose á xa deficiencia estrutural de profesionais que caracterizan ao hospital da Mariña", relatan a coordinadora.
"Máis as nosas reivindicacións, a maioría delas históricamente demandadas por este colectivo, non se circunscriben a estes dous servizos prioritarios", segundo comenta Víctor Vila, portavoz da Plataforma, “vimos sufrindo desde hai moitos anos o desleixo da administración con esta comarca e esta desidia reflíctese na percepción global de que temos menos e peores servizos, de que a nosa Atención Primaria está desmantelada, e de que cada vez é máis patente a derivación cara aos macrohospitais das capitais”.
A Plataforma Sanitaria considera que estas deficiencias sanitarias, orquestadas" segundo un plan estratéxico do goberno da Xunta son motivo máis que suficiente para volver saír á rúa".