Burela acollerá unha charla sobre comunidades enerxéticas aberta á cidadanía

AMariñaXa
A iniciativa, organizada por Terras de Miranda e o Concello, celebrarase o 24 de setembro e forma parte do programa ‘Impulso CERES’
Casa_concello_Burela
22 Sep 2025

O salón de actos municipal de Burela será escenario o mércores 24 de setembro, ás 20:00 horas, dunha charla informativa sobre comunidades enerxéticas, organizada pola asociación Terras de Miranda coa colaboración do Concello. A entrada será libre e gratuíta, destinada a todas as persoas interesadas.

O obxectivo da sesión é achegar á cidadanía o concepto de comunidades enerxéticas e pór en valor as súas vantaxes. Durante a actividade explicarase como este tipo de iniciativas permiten aproveitar os recursos locais, xerar beneficios económicos e ambientais, e ofreceranse orientacións sobre os pasos necesarios para impulsar proxectos desta natureza.

Esta actividade enmárcase no programa ‘Impulso CERES’, que promove charlas informativas en diferentes puntos da provincia de Lugo. O programa está impulsado pola Oficina de Transformación Comunitaria CERES e financiado polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE) mediante fondos europeos.

A convocatoria está dirixida á cidadanía en xeral, ás asociacións e tamén ás pequenas e medianas empresas, cun dobre obxectivo: fomentar o aforro económico e favorecer un desenvolvemento local sostible mediante alternativas enerxéticas comunitarias.

⚙ Configurar cookies
0.094407081604004