Burela acollerá un gran simulacro de rescate marítimo o día 18

AMariñaXa
O exercicio simulará unha emerxencia marítima complexa nas proximidades da bocana do porto, na que un pesqueiro sofre unha vía de auga e un vertido de combustible
porto-de-burela
10 Apr 2026

O Concello de Burela acolleu na xornada de onte a última reunión de coordinación do exercicio marítimo MARSEC, un operativo de gran envergadura organizado pola Armada a través do Mando de Acción Marítima en Ferrol (MARFER), que terá lugar o vindeiro 18 de abril no porto e nos seus accesos.

Na reunión participaron representantes de todos os organismos implicados no dispositivo, entre eles a propia Armada, Capitanía Marítima de Burela, Gardacostas de Galicia, Dirección Adxunta de Vixilancia Aduaneira, Instituto Social da Mariña, Portos de Galicia, a Confraría de Pescadores de Burela e os servizos de emerxencias municipais, co obxectivo de pechar a planificación técnica e garantir a coordinación de todos os medios.

O exercicio simulará unha emerxencia marítima complexa nas proximidades da bocana do porto, na que un pesqueiro sofre unha vía de auga e un vertido de combustible, obrigando á activación dun amplo dispositivo de resposta. A partir dunha chamada de socorro, mobilizaranse recursos para desenvolver tarefas de busca e rescate (SAR), evacuación de feridos, control da contaminación mariña e reflotamento da embarcación.

A simulación incluirá diferentes fases operativas, como a caída de tripulantes ao mar, a localización de náufragos (incluíndo un desaparecido), operacións de mergullo para rescate subacuático e intervencións con helicóptero para evacuación médica. Tamén se organizará un dispositivo de triaxe no porto para a atención dos feridos e o seu traslado a centros sanitarios.

O despregue contará con importantes medios marítimos e aéreos, entre eles o patrulleiro da Armada, unidades de mergullo, embarcacións de Gardacostas de Galicia, a patrulleira de Vixilancia Aduaneira, o buque hospital do Instituto Social da Mariña e un helicóptero de rescate, ademais de efectivos de Policía Local, Protección Civil e servizos sanitarios.

Así mesmo, desenvolveranse actuacións de contención do vertido mediante o despregue de barreiras anticontaminación e operacións simuladas de reflotamento do pesqueiro, co fin de avaliar a resposta ante incidentes deste tipo no medio mariño.

A programación inclúe tamén actividades abertas á cidadanía. O venres 17 de abril celebrarase unha xornada de portas abertas, na que veciños e visitantes poderán visitar algunhas das embarcacións participantes e coñecer de preto o seu funcionamento.

Ese mesmo día terá lugar un acto institucional a bordo dun buque da Armada, así como unha presentación oficial do exercicio ante os medios de comunicación.

O concelleiro de Mar, Ramiro Fernández, quixo poñer en valor a elección de Burela como escenario destas manobras, “queremos agradecer que a Armada escollese Burela para acoller este exercicio, que sitúa o noso porto como un referente no ámbito da seguridade marítima e pon en valor a nosa tradición mariñeira”, sinalou.

Fernández destacou tamén a importancia da coordinación entre organismos, “este tipo de simulacros permiten mellorar a resposta ante situacións reais de emerxencia e reforzan o traballo conxunto de todos os medios implicados”, engadiu.

Este exercicio supón unha oportunidade clave para reforzar os protocolos de actuación, a coordinación interinstitucional e a preparación ante posibles emerxencias nun entorno estratéxico como é o porto de Burela.

0.11715221405029