Burela acollerá un concerto da cantautora Ugia Pedreira
O próximo venres, 27 de decembro, ás 20.30 horas, a Praza da Mariña de Burela será o escenario para o concerto de presentación de 'Basal', o novo traballo discográfico da cantautora galega Ugia Pedreira, tamén coñecida como A Pedreira. O evento terá lugar nunha carpa instalada para a ocasión, e a entrada será libre e de balde.
A artista, natural de Vilaronte, no Concello de Foz, describe este espectáculo como "sensorialmente amable" e mestura, como é habitual na súa traxectoria, influencias de estilos tan variados como o folk, o jazz e o rock.
No escenario, Ugia Pedreira estará acompañada por un destacado grupo de músicos: Mauricio Caruso á guitarra, Alejandro Vargas ao piano e ao sintetizador, e Lorena Cachito á batería, percusión e coros.
'Basal', que chega despois do seu primeiro traballo en solitario, 'Segmento Cantábrico' (2021), é definido pola propia artista como "unha obra que conecta música, psicoloxía, territorio e corpo-casa". Este novo álbum reflicte a evolución dunha carreira de catro décadas, marcada pola innovación e a exploración musical en diversos proxectos.