Burela acollerá en xuño a terceira edición do Campamento Musical

A música volverá soar con forza en Burela entre o 26 e o 29 de xuño coa celebración da terceira edición do Campamento Musical, unha proposta promovida pola Asociación de Usuarios da Escola de Música de Burela (ASUEMBU), que foi presentada este xoves no CEIP Plurilingüe Os Castros. A actividade está dirixida a nenos e nenas a partir dos 8 anos, e combina formación musical especializada con convivencia e lecer.
O campamento ofrece un total de 25 horas de formación homologada e permitirá ao alumnado afondar en diferentes especialidades, como corda fretada, vento, piano e percusión. As prazas son limitadas e o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 15 de maio. O prezo xeral é de 150 euros, aínda que se aplican tarifas reducidas para irmáns e para persoas asociadas a ASUEMBU.
Durante esa fin de semana, Burela converterase nun escenario musical aberto á cidadanía. O sábado 28 de xuño, ás 20:00 horas, a Praza da Mariña acollerá un concerto de cámara, mentres que o domingo 29 ás 18:00 horas celebrarase o concerto final na Casa da Cultura, onde o público poderá comprobar os avances do alumnado participante.
O tenente da alcaldesa, Mario Pillado, destacou o valor da iniciativa: “É un pracer colaborar para impulsar esta actividade que cada ano reúne a mozos e mozas arredor da paixón pola música, a convivencia e a diversión”. Quixo tamén felicitar a ASUEMBU polo seu labor organizativo e sinalou o orgullo que supón para o municipio que o Campamento Musical se consolide como unha cita imprescindible no calendario cultural do verán burelao.
As persoas interesadas poden obter máis información ou formalizar a súa inscrición chamando ao número de teléfono 644 894 714.