Burela acollerá en maio o XVI Encontro de Palilleiras cun amplo programa de actividades

AMariñaXa
A cita, organizada por As Encaixeiras, reunirá participantes de distintos puntos arredor da tradición do encaixe
Encontro-de-Palilleiras-en-Lugo
4 Apr 2026

Burela converterase o vindeiro 16 de maio nun punto de referencia para a artesanía tradicional coa celebración do XVI Encontro de Palilleiras, unha cita xa consolidada no calendario cultural da localidade. O evento, organizado pola Asociación Cultural e Artesanal de Mulleres Palilleiras As Encaixeiras, terá lugar no porto e reunirá a participantes chegadas de diferentes lugares.

A xornada dará comezo ás 10:30 horas coa recepción das palilleiras, seguida dunha demostración de traballos en directo que se prolongará durante a mañá. Ao mediodía terá lugar o acto inaugural e unha degustación de empanada de pescada de Burela, ademais de varias visitas programadas a espazos de interese como o Monte Castelo, a igrexa da Vila do Medio e a zona da Moncloa.

Xa pola tarde, o encontro continuará cunha nova sesión de demostracións, na que as asistentes poderán amosar as súas técnicas e compartir coñecementos arredor do encaixe. A programación inclúe tamén un sorteo de agasallos e rematará cun acto de despedida previsto para as 19:00 horas.

Ademais da actividade principal, a organización prevé un programa complementario con propostas culturais e turísticas, como a visita ao Barco Museo Boniteiro “Raíña do Carme”, ao Museo Histórico ou a posibilidade de coñecer os murais da Confraría. A xornada estará amenizada con animación e actividades dirixidas ao público infantil.

O encontro conta coa colaboración do Concello de Burela e o apoio de diversas entidades, consolidándose como unha cita que pon en valor o traballo artesanal e contribúe á preservación dunha tradición profundamente enraizada na cultura galega.

PROGRAMA

0.12666201591492