Burela acollerá en agosto unha nova edición do Campamento Dixital para a rapazada

O Concello de Burela, en colaboración coa Fundación Cibervoluntarios, organiza unha nova edición do Campamento Dixital, que se celebrará do 4 ao 8 de agosto na Aula Cemit, situada no Centro de Formación Ocupacional da vila. A actividade, de carácter gratuíto, desenvolverase en horario de mañá e está dirixida a mozos e mozas de entre 9 e 17 anos.
Este campamento forma parte do Programa CODI (Competencias Dixitais para a Infancia), promovido polo Ministerio de Xuventude e Infancia e financiado a través dos fondos europeos Next Generation EU. Ao remate da actividade, os participantes recibirán o certificado oficial DigComp, que acredita as habilidades dixitais adquiridas ao longo da semana.
Durante cinco días, os rapaces e rapazas mergullaranse no mundo dixital dun xeito ameno, seguro e pedagóxico. As actividades estarán deseñadas segundo os distintos tramos de idade e incluirán retos interactivos, xogos, dinámicas grupais e propostas creativas. Entre os contidos destacan a creación de vídeos e presentacións, o desenvolvemento de aplicacións, a promoción de hábitos saudables no uso das redes, a prevención do ciberacoso, a análise crítica das fake news e o uso ético da intelixencia artificial.
O tenente da alcaldesa de Burela, Mario Pillado, destacou que esta iniciativa representa “unha oportunidade excelente para que a mocidade de Burela aproveite o verán aprendendo sobre tecnoloxía, adquirindo competencias moi valiosas sen renunciar á diversión”. Subliñou tamén o compromiso do goberno local con “propostas que promovan a educación dixital e favorezan a igualdade no acceso ao coñecemento”.
As sesións estarán guiadas por profesionais especializados en educación dixital e deseñadas para garantir un entorno seguro, integrador e adaptado ás necesidades dos participantes.
As familias interesadas en inscribir aos seus fillos e fillas poden facelo a través da web campamentodigital.org ou chamando ao número de teléfono 674 72 76 23.